Ourense | A Orde do Camiño de Santiago celebrará en Compostela unha xornada internacional de formato híbrido, na que está prevista a participación de representantes de 20 países. O programa abrirase coa conferencia impartida pola directora de Turismo de Galicia, María Nava Castro, quen abordará “Os retos do Xacobeo 2021-2022 ante a situación da pandemia e a ampliación de datas”.
A segunda parte do programa contempla o nomeamento de “novicios” procedentes de México, Francia, Cataluña e Galicia. Trátase de novos membros que dan o primeiro paso para entrar a formar parte da Orde, pois a investidura oficial realízase sempre, segundo os Estatutos desta entidade, durante a celebración dun capítulo xeral ou extraordinario.
Finalizará a xornada coa entrega da “Medalla de Ouro” ao director e compositor Xosé Luís Foxo Rivas quen, á fronte da Real Banda, proxectou internacionalmente a música tradicional galega. Este proxecto de divulgación internacional é coincidente cun dos obxectivos da Orde que é o posicionamento do Camiño de Santiago en diferentes países. En determinados momentos tanto a Orde como a Real Banda estableceron sinerxias desde países como México.