Ourense | Expourense, o recinto feiral de Ourense, adhírese á lista de Membros Afiliados da Organización Mundial de Turismo. A OMT aceptou oficialmente esta candidatura durante a celebración da 118ª Asemblea do seu Consello Executivo que tivo lugar o pasado 18 de maio en Punta Cana, na República Dominicana.
Como Membro Afiliado da OMT, Expourense aumenta a visibilidade local, rexional, nacional e global dos seus proxectos vinculados ao turismo a través da rede e das canles da OMT. Expourense organiza dous das cinco feiras internacionais de turismo celebradas en España: Xantar (Salón Internacional de Turismo Gastronómico) e Termatalia (Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar) que agora se verán apoiadas polo selo de Membro Afiliado da OMT, unha ferramenta fundamental para aumentar a competitividade dos actores do sector privado no turismo.
Ademais, Expourense é dos escasos organizadores feirais que executa proxectos propios noutros países, como é o caso de Termatalia, que este ano se celebrará en Uruguai entre o 4 e o 6 de outubro coa estreita cooperación do Ministerio de Turismo de Uruguai.
Na carta de aprobación da adhesión de Expourense, o director do departamento de Membros Afiliados da OMT, Ión Vilcu, expresaba que “a OMT considera ao sector privado como un socio importante no cumprimento do seu mandato sobre a promoción do desenvolvemento do turismo sostible e a consecución da Axenda 2030. Neste contexto, recoñecemos o gran potencial da colaboración con Expourense para contribuír á creación dun sector turístico máis ético e responsable, en beneficio da comunidade internacional”.
O Departamento de Membros Afiliados da OMT é a principal porta de acceso a alianzas e colaboracións entre o sector público e o sector privado no turismo e lembremos que Expourense posicionouse como exemplo de cooperación público-privada en todas as feiras e proxectos que promove.
O Departamento de Membros Afiliados da OMT reúne a máis de 500 empresas, institucións de ensino e investigación, destinos e ONG, e ofrécelles un espazo para establecer un diálogo, compartir información e tomar novas medidas. A súa principal misión é fomentar as sinerxias entre os Membros Afiliados e os Estados Membros e promover o intercambio de coñecementos entre axentes crave, co obxectivo de contribuír á promoción dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas. Ademais de Expourense, aprobouse a adhesión doutras 15 entidades vinculadas ao turismo de países como Estados Unidos, México, Turquía, Bélxica, Grecia, Macedonia, Indonesia ou Malaisia, ademais doutras dúas empresas españolas.