Vaiamos, primeiro, aos feitos e ás fotografías. O Cumio da OTAN celebrado entre o 11 e 12 de xullo en Vilna (Lituania) fixo historia: Suecia abandonou dous séculos de neutralidade converténdose no 32º membro da OTAN.
O ingreso sueco logrouse tras un ano de turbulentas negociacións con Turquía, que vetaba constantemente (ao igual que Hungría) o ingreso de Estocolmo á Alianza Atlántica. Ollo, Turquía e Hungría, ámbolos dous membros da OTAN pero con fluídas pero ás veces intermitentes relacións con Rusia e China. Vamos, unha anatema inaceptable para o “neoatlantismo” de Biden e a “nova OTAN” parida dos cumios de Madrid de 2022 e este de Vilna de 2023 que agora acolle no seu seo a outrora pacifistas como Suecia e Finlandia.
No caso turco o veto ten que ver ante a sensibilidade sueca coa causa kurda por acoller a líderes políticos kurdos considerados polo goberno de Recep Tayyip Erdogan como “terroristas”. E cal é o tratamento mediático do asunto? Que Erdogan “chantaxea” a Occidente permitindo o ingreso sueco na OTAN a cambio de revitalizar as practicamente mortas negociacións de ingreso turco á UE. E isto cobra relevancia porque Turquía, o segundo maior exército da OTAN tras EE.UU, manexa equilibrios xeopolíticos importantes con Rusia e China. Si, amigos, eses novos inimigos de Occidente e do seu brazo armado, a OTAN. Ao mesmo tempo, Ankara é un actor relevante con capacidade para reconducir calquera tipo de negociación na guerra ucraína. Todo isto mentres os turcos, diplomaticamente moi hábiles, falan con Putin pero tamén lle venden drones a Ucraína.
“Benvida pois Suecia, outrora paraíso pacifista, ao mundo do militarismo”
O ingreso sueco define unha nova perspectiva: nin Suecia nin a OTAN teñen agora, se me permiten utilizar unha frase coloquial, a capacidade para “facerse os suecos”. Os compromisos militares mandan: a diferencia do cumio de Madrid do ano pasado, cando se acordou un aumento do gasto militar do 2% para tódolos membros da OTAN, o cumio de Vilna aumentou en 0,5% este gasto militar. Ou sexa, hoxe a gastar o 2,5% do PIB en armamentos. Benvida pois Suecia, outrora paraíso pacifista, ao mundo do militarismo.
A segunda fotografía é Volodymir Zelenski. O presidente ucraíno veuse por vez primeira nunha atmósfera de visible illamento, eclipsado polo ingreso sueco. Porque Suecia ingresa pero Ucraína, polo momento, non. Pero tranquilos, que a OTAN non vai abandonar ao seu aliado nin ao seu presidente “paladín da liberdade occidental contra a barbarie rusa”. Washington xa anunciou o envío a Ucraína de bombas de racimo (prohibidas polos tratados internacionais) e dos ansiados F-16 para tentar facer fronte á superioridade aérea rusa.
Pero é significativo que Zelenski non sexa xa o protagonista. A súa soidade debe obviamente ter un prezo. Algo pasa na fronte ucraína que os medios non contan. Esa tan cacareada e anunciada contraofensiva contra o “invasor ruso” como que non vai polo camiño desexado.
A fronte militar ucraína segue inamovible, sen avances para uns e outros, o cal compromete as opcións de vitoria para Ucraína tantas veces oficialmente asegurada. Mentres a OTAN agarda que Kiev avance posicións para expulsar aos rusos antes da chegada do outono-inverno, ese factor metereolóxico que dificulta a mobilidade dos tanques e dos soldados. Pero, é posible que isto suceda?
Non sabemos tampouco qué é o que está pasando en Kiev. O xeneral ucraíno Valéri Zaluzhni leva semanas sen aparecer cando antes era o protagonista máximo da resistencia militar ucraína contra Rusia. Unha especie de heroe de guerra, Zaluzhni criticou que a recuperación de Bajmut (esa vitoria militar dos chicos de Wagner liderados polo hoxe defenestrado Prigozhin) era un erro estratéxico. E iso pode que sexa algo inaceptable para a OTAN.
Hoxe non se sabe nada de Zaluzhni como tampouco do xeneral ruso Serguéi Surovikin, denominado o “carniceiro de Siria” pola súa participación nesa guerra entre 2015 e 2017 e quen estuvo ao fronte da guerra ucraína ata finais de 2022. Segundo medios rusos independentes e outros occidentais que se fan eco dos mesmos, o Kremlin acusa a Surovikin de presuntamente apoiar o surrealista intento de golpe de Prigozhin en xuño pasado. Desaparicións misteriosas as de Zaluzhni e Surovikin que poden presaxiar cambios nos altos mandos e equilibrios de poder tanto en Kiev como en Moscova e que cobran importancia se vemos o illamento de Zelenksi no cumio de Vilna. Compre preguntarse: acabouse a estela de Zelenski en Occidente?
Compre preguntarse: acabouse a estela de Zelenski en Occidente?
Tampouco sabemos con exactitude cales son as ordes que veñen de Washington, o verdadeiro amo de toda esta Alianza Atlántica na que Europa non pinta nada e menos aínda cando o seu histórico eixe franco-alemá vese agora desarticulado, sen capacidade de manobra. E con París ardendo en protestas, ora polas pensións, ora pola violencia policial. Toda vez, Washington semella apostar agora por novos eixes de poder no seo da UE como Polonia e as repúblicas bálticas, tamén membros da OTAN. Si, estamos xa inmersos na “Europa atlantista” con Biden na Casa Branca. Así mesmo, caeu en desgraza Zelenski para o seu principal benefactor, o presidente estadounidense Joe Biden? Pensa Washington noutras pezas e actores en Kiev, probablemente máis ligados aos ultranacionalistas ucraínos que poden verse decepcionados con Zelenski porque máis dun 20% do antigo territorio ucraíno está en mans rusas desde fai mais dun ano?
Mentres no Kremlin o presidente ruso Vladimir Putin anunciaba a definitiva “rendición dos Wagner” e o seu encaixe dentro das Forzas Armadas rusas, o cumio da OTAN apuntaba a dous escenarios candentes: o enclave ruso de Kaliningrado, unha base nuclear localizada entre Alemaña e Polonia; e Bielorrusia, ese aliado estratéxico ruso que xa ten despregado armamento nuclear táctico…e agora tamén aos ex irredentos Wagner, suplantados polos chechenos na fronte ucraína. Sospeita a OTAN que pode abrirse unha nova fronte militar rusa en Ucraína vía Bielorrusia?
“Sospeita a OTAN que pode abrirse unha nova fronte militar rusa en Ucraína vía Bielorrusia?”
Os mass media do entramado político-militar-industrial occidental manexado dende Washington esforzáronse en amosar o histórico cumio de Vilna como o compromiso clave para asegurar unha especie de franxa Norte da Alianza Atlántica agora con Suecia pero tamén con Finlandia como novos membros. E isto apunta a outro escenario xeopolítico: o Ártico, onde Rusia xa ten vantaxe obviamente determinado pola súa proximidade xeográfica pero tamén polos seus intereses. Ese mesmo Ártico onde China tamén adianta posicións. Léxase ben: Rusia e China, os novos inimigos da OTAN tralo cumio de Madrid de 2022 e que agora no de Vilna consolidan esa condición.
Ah, por certo, o cumio de Vilna tamén dirimía se íamos ter un novo secretario xeral da OTAN. Nada diso: o noruego Jens Stöltenberg segue ao fronte por un ano máis. Non vaia a ser que o cuartel xeral da Alianza Atlántica en Bruxelas se vexa alterado por un novo secretario xeral que vexa outras perspectivas. E menos aínda cando nalgúns medios publicáronse informacións de presuntas tomas de contacto entre ex altos cargos estadounidenses cos seus similares rusos para ver se era posible adiantar algunha negociación que poña fin á guerra. Nisto tamén interveu fai tempo ese “chantaxista” Erdogan, a quen Zelenski visitou previamente en Istambul antes de marchar a Vilna.
Iso si, esa eventual negociación ten que vir despois desa pretendida contraofensiva ucraína que agora pode ter mais marxe de manobra co armamento enviado pola OTAN. Será que Zelenski sabe que non hai capacidade real para tal “contraofensiva” tan ansiada en Occidente? Será que Zelenski xa sopesara a posibilidade de falar co Kremlin vía Erdogan para tentar deter esta masacre cada vez máis sen sentido? Será que Washington non ve con bos ollos esa posibilidade dunha negociación directa ruso-ucraína, quen sabe se co aval da temida China, porque deixa mal parado a EE.UU e contradín as expectativas dos sempre poderosos lobbies militaristas que ditaminan que a guerra debe continuar? Será que iso explica esa soidade de Zelenski en Vilna?
Non esquezamos que o 2024 é electoral en Rusia, Ucraína e EE.UU. Dubido moito que os estadounidenses queiran ir á festa electoral cunha guerra na distante Ucraína que poda implicar compromisos militares a longo prazo, por moito que o cumio de Vilna aumentara ese gasto militar ao 2,5% do PIB dos seus membros.
“Prezados lectores, disculpen a ironía pero para a OTAN non son tempos de ‘facerse o sueco”
Non, as cousas non van por aí. Hai moita inflación e recesión económica mentres vemos que Trump (ese suposto amigo de Putin pero inimigo acérrimo de China) quere volver á Casa Branca toda vez China non descansa e eríxese como o principal desafío ao “neoatlantismo” de Washington que agora tamén está presente en Asia Oriental vía AUKUS con Australia e Gran Bretaña pero aberto a outros “aliados” anti-China. Si, porque ata Xapón estivo presente no cumio de Vilna asinando unha asociación estratéxica coa OTAN que implica un compromiso de seguridade no Indo-Pacífico. Prezados lectores, disculpen a ironía pero para a OTAN non son tempos de “facerse o sueco”.