A ourensá Alba Guzmán Falcón gaña por segunda vez o certame de novela curta Xuventude Crea

Coa obra “A vinganza de Paquiño Jackson”

Alba Guzmán, estudante de enxeñería biomédica e escritora, acaba de recibir na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela o galardón á mellor obra por “A vinganza de Paquiño Jackson”. Escribe en galego “porque é a nosa lingua, a dos nosos devanceiros, e debemos loitar a través da escrita, da música e de calquera outra forma cultural para que a nosa lingua continúe viva”.

Segunda vez que gañas este certame Alba. Cóntanos o segredo.
Non hai segredo ningún, hai historias que viaxan na miña cabeza e que, ano tras ano, vou pulindo ata que chega o seu momento. Despois está o factor sorte, a conxunción dos astros e cruzar os dedos.

Algo máis ten que haber cando recibiches máis de trinta premios no mundo da escrita. Ames, Curtis, Cambre, Minerva, Universidade Vigo… Terás algún favorito.
Todos teñen algo especial, quizais o primeiro, o Rosa Gómez organizado polo Blanco Amor, e Vodas de prata, o relato gañador dun Minerva teñan un oco especial no meu corazón, sen esquecer Bolboreta, un microrrelato co que gañei o certame da Real Academia da Lingua galega. Pero, sen dúbida, os Xuventude Crea supoñen un punto de inflexión na miña escrita.

“Xoaniña de Deus é a historia dunha muller que esta comezando a padecer unha terrible enfermidade: o Alzheimer”

Falemos entón deses premios, o primeiro foi no 2021 con Xoaniña de Deus publicado con Xerais. Cóntanos algo desa novela e resposta dos lectores.
Xoaniña de Deus é a historia dunha muller que esta comezando a padecer unha terrible enfermidade: o Alzheimer. Un día no hospital coñece a unha persoa especial, un profesional da tatuaxe enfermo de sida, que antes de falecer, grava na corpo de Xoaniña unha serie de palabras que lle servirán de guía para recuperar episodios do pasado a través dun diario que escribiu no tempo. Será a propia muller quen en primeira persoa nos contará a súa vida, o seu percorrido cheo de historias que levaran ao lector a un final sorprendente. A día de hoxe está nunha terceira impresión e tivo unha moi boa acollida, tanto polos lectores como pola crítica especializada.

A vinganza de Paquiño Jackson e o título con que gañas esta vez. Son parecidos Paquiño e Xoaniña?
Non. Paquiño supón un xiro de 180 graos na miña escrita. Se Xoaniña era, digamos unha obra dramática, Paquiño é todo o contrario. Aquí o lector atopará vacas zombis, risas, misterio e unha viaxe aos anos oitenta a través dun mozo que quixo ser Michael Jackson e que, o seu xeito, o conseguiu.

Por que ese xiro?
Encántame experimentar, probar diferentes xéneros e sentirme libre de decidir o que quero escribir. Non teño moito tempo coa carreira e prefiro tirar de inspiración a seguir por unha liña recta.

Que fai unha futura enxeñeira biomédica escribindo sobre vacas zombis e Michael Jackson?
Quizais a xente lle pareza raro, pero en realidade hoxe hai moita xente que se manexa en ambas facetas. O importante e ter esa visión global e saír do cadrado onde moitos non queren pechar.

A vinganza de Paquiño Jackson sairá tamén con Xerais?
Si, é unha das condicións do certame para a novela gañadora. Xoaniña de Deus ademais tivo a sorte de dar saída a unha nova colección da editorial, Redes, dedicada á publicación de xente nova. Non sei se Paquiño irá nesa colección, o que si sei e que tardará uns meses en ver a luz, pero é algo normal se pensamos que se trata dunha novela de zombis e xa sabemos que estes tamén tardan en resucitar.

Compartes oficio co teu pai, Oscar M. Guzmán, tamén gañador do Vilar Ponte con Pero…como morren as pegas? Como se leva iso na casa?
Máis que oficio, compartimos afección creo eu. A verdade é que o pasamos moi ben con isto, conversamos, e somos un equipo en ocasións. Por suposto hai debate e ás veces moito, pero sempre chegamos a un acordo. Somos diferentes, hai anos e formas de vida distintas entre nós, pero podemos conectar en moitas ocasións.

“Seguirei escribindo porque seguirei lendo”

Seguirás escribindo, Alba?
Seguirei escribindo porque seguirei lendo. Porén, non o marco no meu calendario coma unha prioridade. De momento a miña meta é rematar a carreira e dedicarme a enxeñería biomédica.

Por que en galego?
A resposta é sinxela, simplemente porque é a nosa lingua, a dos nosos devanceiros, e debemos loitar a través da escrita, da música e de calquera outra forma cultural para que a nosa lingua continúe viva.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.