Tradicionalmente, ata épocas asombrosamente recentes, as persoas con deficiencias psíquicas patentes eran sometidas a unha sorte de invisibilidade social que lles coutaba toda posibilidade de mínima realización persoal, ademais de convertelas nunha carga familiar e nun problema de futuro. Un importante paso adiante na socialización destes individuos produciuse coa escolarización dos cativos afectados en centros especiais onde convivían (entre eles) durante o horario escolar. Despois implantaríase con forza o concepto de integración, aínda que a súa posta en escena resultaría deficiente por non contar coa achega de recursos humanos e materiais abondos. Ao mesmo tempo e solapándose con estas medidas integradoras ía agromando cada vez con máis forza en diversas correntes educativas a necesidade de superar a idea de integración e procurar a inclusión, con aparentemente pequenas pero, en realidade, grandes diferenzas de concepto que se poden resumir moi brevemente dicindo que hai que tratar o discapacitado como un individuo que participa en paridade dos dereitos cidadáns, é dicir, non formalo para adaptalo á sociedade, senón mellorar as estruturas sociais necesarias para que el poida desenvolverse nela en toda a extensión que desexe e sexa capaz. En definitiva, conseguir que sexa o protagonista da súa vida.
Estou a falar só da integración e da inclusión no ámbito educativo, que vai subindo banzos con todas as súas imperfeccións. Se nos introducimos no colectivo de deficientes psíquicos adultos o panorama tradicional é absolutamente desolador. Poderáseme dicir que historicamente houbo, e hai, moitas outras formas de marxinación, algunhas en vías de superación (poñamos por caso, o colectivo de mulleres): os sen teito, os adictos, os sen papeis, os parados,… Pero estoume cinguindo aos adultos cuxas capacidades e habilidades mentais teñen distintos graos de diminución con respecto ao estándar establecido porque quero falar dunha entidade, a Asociación Xoán XXIII, de Pontevedra, que leva 50 anos procurando para un gran número de persoas (hoxe, arredor de 200) anacos de felicidade impensables hai só unhas décadas.
Nas súas instalacións promoven unha convivencia saudable entre os seus asociados que teñen a oportunidade de compartir acotío a súa vida con outras persoas, de intercambiar opinións, información, vivencias, de atopar parella, de independizarse e formar unha familia estable cun proxecto vital… Para conseguilo motivan, forman, capacitan, promoven, varias actividades profesionais: xardinería, carpintería, imprenta, encadernación, papelería, etc., grazas ás cales poden progresar en autonomía e, sobre todo, en autoestima ao sentírense parte activa e integrante dunha sociedade que ata hai ben pouco pechaba os ollos ante a súa marxinación.
A comprometida tarefa, efectiva por outra banda, desta asociación vai conseguindo merecidos e desexados éxitos. Pero hai, sempre hai, sempre haberá, algunha materia pendente relacionada coa súa aposta por incluír os seus asociados na sociedade como cidadáns capacitados para participaren nela plenamente e con espírito crítico; é aquí, na súa capacitación para seren críticos, onde xorden as dificultades, xa que para iso necesitan ter acceso doado á información e mais á cultura, e para isto precisan dispor de material accesible non só dende un punto de vista económico, senón tamén, e sobre todo, dende un punto de vista de facilidade de comprensión, sen esquecer a abundancia (cando menos, suficiencia) de material publicado e de puntos de distribución.
Neste eido xurdiron hai xa algún tempo (non demasiado, falamos do derradeiro cuarto do século pasado) vontades que propuxeron, estudaron, sistematizaron e deron soporte físico a unha colección de publicacións para pór a disposición de persoas de baixa competencia lectora textos de doada accesibilidade, que hoxe, en España, son recoñecidos maioritariamente como libros e documentos de Lectura Fácil; isto sucedía nos países nórdicos, e a experiencia aínda tardou algúns anos en espallarse, cousa á que colaborou decisivamente a creación en Bruxelas, en 1988, da organización Inclusion Europe e a publicación, en 1997, das directrices da IFLA (International Federation of Library Associations and Institutions) redactadas en inglés, cuxa tradución ao español non se fixo ata 2012 (en galego non me consta que exista) co título Directrices para materiales de Lectura Fácil. Hoxe parece que se vai movendo, aínda que paseniño, este importante vehículo de comunicación e xa se poden atopar algunhas ducias de libros casteláns escritos ou adaptados en LF ademais dalgúns textos xurídicos, entre os que sobresaen a Constitución e varias sentenzas xudiciais. En galego a súa presenza é testemuñal e, que me conste, debida a iniciativas externas.
A Asociación Xoán XXIII leva xa varios anos traballando con este tipo de textos a través do seu Club de Lectura e agora quere dar un paso máis e apostar por conseguir que os seus asociados e todos os galegos que comparten as súas características dispoñan de material adecuado que lles facilite o acceso á información e á cultura, un dereito recollido na lexislación pero dificilmente alcanzable para a maioría deles; e que poidan facelo, ademais, en galego. E apuntan, en principio, a dous albos. Por unha banda, que os medios de información escritos inclúan unha sección que resuma as noticias máis salientables en LF. Para iso queren crear un equipo de redacción propio que faga a adaptación e están en conversas cun medio dixital, Grupo ES. Comunicación Galicia, para empezar a publicar e ver, máis adiante, de estender a colaboración a outros medios, buscando o obxectivo de que finalmente os xornais e revistas impresas ou dixitais se decidan a prestar habitualmente este servizo.
Por outra banda fixeron a adaptación dun libro (Os nenos, de Filgueira Valverde) en LF que editaron só para o seu propio uso obtendo a constatación de que ese era o camiño. Así que se puxeron en contacto coa Editorial Galaxia que acolleu con entusiasmo a idea e estase nestes momentos xestionando a máis que posible colaboración entre ambas entidades que daría como primeiro froito o lanzamento dunha colección de libros (escritos orixinalmente en FL e/ou adaptados) con vocación de continuidade e pioneira no ámbito galego cuxos primeiros resultados poderían verse, se as cousas van ben, no vindeiro ano, o ano do quincuaxésimo aniversario da fundación da Asociación Xoán XXIII.
Unha boa noticia para o colectivo galego de discapacitados; unha boa noticia, nas proximidades da celebración da festa das nosas letras, para o sistema literario de noso que se enriquecerá e diversificará con esta nova achega.