Logo do paso polo BenidormFest, Tanxugueiras comeza unha nova xeira que as levará a diferentes lugares, dentro e fóra do noso país. Hai quen lles atribúe a volta da pandeireta como instrumento referencial para xente nova, aínda que elas ven en grupos como Leilía, autoras como Mercedes Peón as impulsoras desta peza de artesanía musical.
Tedes pensado comezar algunha xira os vindeiros meses?
Si, o día 26 de marzo estaremos na Sala Pelícano da Coruña e a comezos de abril en Vigo. En tal caso xa temos programadas algunhas datas que aparecen na nosa web https://tanxugueiras.com/. Temos varios xa pechados, aínda que o número exacto non o sabemos.
O voso estilismo é unha creación propia ou é o traballo dun ou dunha creativa que vos axudou con el?
O do BenidormFesta foi creado en base ás nosas ideas por Jorge de Álvarez, un modisto galego que recolleu todo canto queriamos. Realmente foi un pracer colaborar con el. Antes disto eramos nós as que poñiamos o noso vestiario. De cara á nova xira estamos mirando novos deseños para as actuacións.
“O do BenidormFesta foi creado en base ás nosas ideas”
Pensades en ir cambiando a vosa imaxe entre as diferentes xiras?
Estamos pensando na presenza do día 26, aínda que non descartamos unha imaxe diferente dun día para o outro, non queremos repetir.
Aínda que recolledes cancións tradicionais, tamén tedes composicións propias. Estas últimas son ocorrencia dunha soa que logo comparte coas demais para traballar ou compoñedes entre as tres?
Primeiro establecemos a temática, aquilo do que queremos falar. Así comeza unha de nós e despois entramos todas e máis Iago Pico, aínda que a maioría dos temas están compostos polos catro integrantes de Tanxugueiras.
Puxestes de moda as pandeiretas e agora hai moitas persoas que queren tocar este instrumento.
A verdade, parécenos xenial. Só había que darlle unha certa visibilidade nos medios para que houbese este “boom”, algo xa existente. As primeiras en poñer as padeiretas nos escenarios foron o grupo Leilía, Mercedes Peón ou Xavier Díaz entre outros artistas que apostaron por este instrumento. A pandeireta goza dunha boa saúde musical en Galicia con artesáns que viven exclusivamente de facer pandeiretas, por tanto xa é un negocio moi rendible para que a xente viva dese oficio. Agora tivo un empurrón por saír nun medio estatal e nós queremos que siga así, que non sexa só unha moda.
Credes que sería bo para os nenos e nenas de infantil e primaria poderen aprender a tocar instrumentos tradicionais nas escolas?
Cremos que debera haber unha materia con contidos para mostrar a cultura galega, para que nenos e nenas saiban de onde vén esta cultura. Iso tamén inclúe a pandeireta, claro que si.
Cales son os eixos dos temas compostos por vós?
A temática é a vida, é o amor ou a rabia, temas que finalmente xa existían de sempre, desde a existencia do ser humano. Coidamos as métricas coas que se compoñía antes e así non variar o estilo, facendo indistinguible o antigo do contemporáneo. Usamos frases máis actuais tentando manter o estilo de sempre.
Como se foi conservando a métrica tradicional até a actualidade?
Foise transmitindo de maneira oral, de avós a netos. Foi unha sorte enorme porque Galicia goza dunha saúde moi boa en canto música tradicional debido á existencia de asociacións en moitos lugares. Nós estivemos nunha asociación semellante e á parte tivemos a sorte de ir recoller casas por casa cantigas que contaban como se vivía. Entón si foi doado recollelas ademais de ter coñecemento de como se creaban.
A recollida de cancións fixéstela por toda Galicia?
Si, porque temos a sorte de ter unha riqueza cultural moi grande, pois de norte a sur ou de leste a oeste, cada toque e cada canto é distinto. É como se tivesemos a sorte de que nos colleran da man xente que levaba moito tempo ese traballo de campo, collendo os seus coches, gastando os seus cartos facendo quilómetros e quilómetros gravando a todas esas persoas, como Sés, que nos cedeu moito da súa colleita, Mercedes Peón ou Xavier Díaz, Leilía ou Xermán Muíños que desde o primeiro momento nos cederon material.
E todo este material está gardado tamén en arquivos?
Si, no Museo do Pobo Galego, o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), cunha plataforma dixital, quedan moitas por dixitalizar. Moitas das nosas pezas foron recollidas de aí.