O recente encontro en Moscova entre o presidente chinés Xi Jinping e o seu homólogo ruso Vladimir Putin celebrado o pasado 20 de marzo non debe ser exclusivamente analizado ao condicionante do conflito ucraíno vía plan de paz chinés. O cumio Xi-Putin ten outras variables máis globais: a confirmación dun eixe euroasiático sino-ruso con capacidade para contrarrestar a hexemonía ‘atlantista’ liderada por Washington, abrindo así as comportas de conformación dun novo equilibrio global definido pola posguerra ucraína. Unha especie de ‘pax sinica‘ que poña fin á turbulenta ‘pax americana‘ sepultada coa caótica retirada estadounidense de Afganistán en 2021.
Esta sintonía sino-rusa busca contrarrestar a expansión dos imperativos xeopolíticos estadounidenses establecidos do Atlántico ao Pacífico. Está en xogo un pulso xeopolítico global que definirá os equlibrios de poder deste século XXI. E Washington e os seus aliados toman nota destes movementos: mentres Xi e Putin escenificaban a súa alianza na capital rusa, a simultánea e inesperada visita a Kiev do premier xaponés Mitsuo Fushida clarifica como se están desenvolvemento estes pulsos xeopolíticos ‘atlantistas’ e euroasiáticos, co foco no rearme global para asegurar esferas de influencia.
Pero tamén está a posibilidade de que unha nova crise financeira global derivada do recente crash bancario en EE.UU implique complicacións para a hexemonía do dólar, toda vez Xi e Putin xa acordaron a mediados de 2022 os mecanismos para a creación dunha nova moeda de reserva global.
Coa atención mediática enfocada obsesivamente de cara o respaldo chinés a un Putin recentemente denunciado na CPI por violacións humanitarias en Ucraína, Xi amosou a súa capacidade de mediador diplomático neste conflito achegando un plan de paz aceptado polo Kremlin e lanzando ó mesmo tempo unha mensaxe ao eixe EE.UU-OTAN-Ucraína. Toda vez, o eixe euroasiático traza liñas entre India e Rusia, ámbolos dous membros dos BRICS xunto con China, Brasil e Sudáfrica, acelerando unha alianza estratéxica a ter en conta tomando en conta os novos equilibrios xeopolíticos e militares instaurados por Washington en Asia Oriental.
Washington ven de confirmar o pacto AUKUS con Gran Bretaña e Australia ao que presumiblemente se unirá Xapón, á espera de posibles novas ampliacións (Filipinas, Corea do Sur) O cerco a China do AUKUS implicará cooperación militar vía submarinos nucleares toda vez Gran Bretaña xa anunciou o envío a Ucraína de uranio empobrecido, con capacidade para lanzar ‘bombas sucias’ a obxectivos militares e civís rusos.
O plan chinés para Ucraína comeza a ser visto incluso con interese entre países membros da OTAN. Xi convidou a Pedro Sánchez a visitar Beijing este 30 de marzo para explicar os pormenores deste plan, unha audaz iniciativa pensando na presidencia rotativa española da UE a partir do 1º de xullo e da posibilidade de que Sánchez sexa un interlocutor válido deste plan ante as institucións europeas.
A pregunta agora é: como reaccionarán en Washington, Bruxelas e Londres, artífices principais do rearme ucraíno, ante esta movida chinesa de Sánchez? Perderá forza o presidente español como ‘peón atlantista’ de Biden? Aceptará Zelenski a ‘pax sinica‘ de Xi? O mandatario estadounidense esforzouse inmediatamente por degradar a viabilidade do plan de paz chinés toda vez argumentaba que, detrás do mesmo, presuntamente escondíase a intención de ‘gañar tempo’ para unha eventual axuda militar chinesa a Rusia.
“Washington observa agora como a iniciativa sino-rusa pode gañar adeptos dentro da UE”
En vez de procrear unha iniciativa de negociación viable, Washington observa agora como a iniciativa sino-rusa pode gañar adeptos dentro da UE, complicando así os imperativos da OTAN por prolongar a guerra ucraína como tenaza contra Rusia e de ‘efecto persuasión’ cara China ante calquera tentativa soberanista sobre Taiwán. Pero para Washington tamén está a posibilidade de que Europa se afaste da súa deriva ‘atlantista’ atendendo outras variables máis euroasiáticas. Por iso en Moscova, Xi e Putin calcularon unha nova ecuación, máis orientada a procrear un contrapeso ao ‘atlantismo’.