Ourense | A cidade de Ourense será escenario da rodaxe da película “13 exorcismos”, o novo proxecto de Mr fields & Friends, Bambú Producciones e AtresMedia Cine. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu no Concello o produtor Ramón Campos, e o equipo que visitou a cidade para poñer en marcha o proxecto (Irene Mejías, xefa de produción de Mr Fields & Friends) e Tamara Soto, directora de produción de 13 exorcismos).
O alcalde trasladoulles o apoio e garantiu a colaboración institucional do Concello nesta iniciativa, que converterá a cidade en escenario de cine do máis alto nivel e contribuirá a visualizar e dar a coñecer a cidade entre un público masivo.
Pérez Jácome congratulouse de que Ourense sexa a localización elixida para esta película e animou a produtora a seguir apostando pola cidade nos seus próximos proxectos audiovisuais.
O equipo de produción da película traballa actualmente nas localizacións dos espazos da rodaxe, para os que valoran utilizar diferentes contornas no Casco Vello da cidade, o Seminario ou os cemiterios municipais, entre outros. A súa previsión é iniciar a rodaxe no mes de abril do presente ano 2022.
A película está baseada no último caso documentado dun exorcismo realizado por un sacerdote da igrexa católica no noso país, e constitúe o novo proxecto de Mr Fields and friends Cinema, unha produtora cinematográfica que ten como intención o desenvolvemento e produción de películas cunha marcada vocación comercial sen perder de vista a calidade.
Á fronte da produtora está Ramón Campos, creador e produtor executivo de series de éxito como Gran Hotel, Velvet, Las chicas del cable, Fariña ou En el corredor de la muerte, e documentais como El caso Asunta o El caso Alcàsser.
Mr Fields and friends produciu a longametraxe de terror Malasaña 32, estreada en 2020, que superou os 3,7 millóns de euros e os 600.000 espectadores. Logo deste éxito, continúa apostando polo xénero de terror esta vez coas impresionantes paisaxes galegas como escenario da historia.
A produtora, responsable tamén da película “El verano que vivimos”, atópase actualmente en posprodución da última película de Isaki Lacuesta, “Un ano, unha noite”, unha produción hispano-francesa protagonizada por Nahuel Pérez e Noémie Merlant, que ten prevista a estrea para outono de 2022.