A perda da centralidade do PPdeG.

Dubido que a demostración preventiva do madrileño barrio de Salamanca do domingo 23-S e máis o radicalizado discurso de Núñez Feijóo no debate da súa investidura lle garantan a estabilidade no liderado estatal do PP no caso de que Sánchez acade o seu mandato presidencial.

Porén, o que si ficou dabondo claro é que o dos Peares asumiu o diktat de Aznar, Díaz Ayuso e Miguel Ángel Rodríguez canto ao consolidamento dunha fronte españolista PP-Vox na que Vox impón a súa axenda e cosmovisión. A prensa europea coincidiu de xeito bastante unánime neste xuízo.

Rueda convocará as eleccións nacionais galegas para o 14-X (2024) se coinciden as estatais nesa data. Mais o presidente habería decretar a disolución o máis tarde no 21-N (a lei electoral galega garante un mínimo de 54 días entre a disolución e as eleccións), mentres que a presidenta do Congreso podería convocar unha segunda xuntanza (ou quizais a primeira) para a investidura de Sánchez na que se presentara o programa o venres 24-N e se votase primeiro o sábado 25 e despois o luns 27.

“Rueda podería ter que decidir disolver ou non disolver sen coñecer de certo se haberá estatais o 14-X”

É dicir, Rueda podería ter que decidir disolver ou non disolver sen coñecer de certo se haberá estatais o 14-X. A coincidencia dos dous procesos electorais, malia a súa esencial diferenza, é moi tentadora para o PP, que definiría a súa campaña en clave nidiamente estatal, case a xeito de referéndum para aceptar ou rexeitar Núñez Feijóo como vindeiro presidente do Goberno do Estado aceptando implícitamente que na oferta electoral vai de seu Rueda como presidente de Galicia.

Mais no caso de que o 14-X non haxa estatais o PPdeG sufrirá as resultas electorais do afastamento da centralidade e transversalidade xerado dende a súa subordinación á nova estratexia da dirección estatal de Madrid que insire Vox a xeito de parte fulcral na coalición que constitúe a alternativa de poder no nível estatal, radicalizando, xa que logo, a súa axenda nos eixos lingüístico-territorial, equilibrio social, igualdade-atención ás minorías e ambiental-sostibilidade do desenvolvemento.

Velaí a oportunidade do BNG (e agardemos que tamén do PSdeG na parte que lle cumpra) de se instalar nesa centralidade e transversalidade para atender os problemas sociais, infraestruturais, empresariais, sanitarios e educativos da nosa cidadanía dende propostas alicerzadas nos distintos sectores e sensibilidades presentes na nosa poboación dende un relato que apele ao autoprezo, á confianza no futuro e aos pactos de País.

 

Advogado. Colabora en varios medios galegos.