Madrid | A pianista Andrea González actuou no Teatro Real de Madrid o sábado 18 de xuño e hoxe (20 de xuño) pechando o primeiro tramo da xira de presentación do seu novo disco ‘Salvado – Piano Works’ (Warner Music) no auditorio Manuel de Falla do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid.
A artista galega actuou en Tui, a súa cidade natal e a de Salvado, A Coruña, Santiago e dobremente en Madrid. Despois do verán renovará a xira con concertos en España, Italia e Australia.
“Este concerto no Teatro Real é un fito que apontoa a Rosendo Salvado no plano nacional español. Toquei as súas pezas para piano e expliquei a fascinante historia de Salvado como fundador da única cidade monástica de Australia e pioneiro na defensa dos dereitos humanos dos aborígenes, entre as súas múltiples facetas pioneiras e revolucionarias no século XIX” explicou Andrea.
A actuación no salón de baile do Teatro Real contou coa colaboración da soprano Leonor Bonilla, quen tamén actúa no álbum Salvado Piano Works, e a de Agatha Ruiz da Prada. O concerto estivo enmarcado na programación da primeira edición do festival Piano City de Madrid no que actuaron 60 pianistas, entre eles, Chano Domínguez.
“O público do Real sorprendeuse ao descubrir este personaxe, ninguén o coñecía, e a fascinación dos asistentes foi incrementando durante o concerto ata acabar o público en pé”, engadiu Andrea. Rosendo Salvado realizou o primeiro concerto de piano en Australia, así como as primeiras fotografías, introduciu a homeopatía no país australiano, creou unha orquestra de corda e outra de ventos cos aborixes, elaborou un dicionario do idioma indíxena e realizou estudos de antropoloxía sobre os nativos.
Esta tarde ás 18 h, Andrea González poñerá o broche final no templo educativo musical español por excelencia, o Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, onde introducirá a música de Rosendo Salvado como parte do repertorio musical e do patrimonio cultural españois.
Andrea González (Tui, 1987) é pianista, xestora musical, pedagoga e divulgadora. Elixida entre as ‘ Top 100 Mujeres Líderes de España’ en 2019, a polifacética artista galega de 34 anos actuou en múltiples escenarios de Australia, Cuba, Reino Unido, Italia, Portugal e España.
Acaba de publicar ‘Salvado – Piano Works’ (Warner Music Spain), álbum que recupera a música do monxe Rosendo Salvado, figura icónica do século XIX e nado na súa localidade natal. Tamén dirixe desde 2013 o Festival Internacional de Teclado da Eurociudad Tui – Valença (IKFEM), único por ser o primeiro de carácter transfronteirizo entre España e Portugal.