Mos | Renace a plataforma ‘Defende Mos’, unha entidade que buscará loitar contra a actual proposta de trazado en túnel que substituirá parte do trazado da A-55 entre Vigo e O Porriño, construíndo un túnel para solucionar o punto negro que supoñen as numerosas curvas da actual autovía. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, mantivo este luns diferentes reunións cos portavoces do PSOE e do BNG, así como con veciños e veciñas afectadas.
A rexedora mosense critica a “falta de información” sobre o novo trazado polo que se inclina o Ministerio de Transportes para construír o túnel e censura que o Goberno “nunca o comunicou”, mentres que si informou ao Concello de Vigo.
“Derogaron o trazado aprobado en 2015 por Ana Pastor como ministra de Fomento, que figura no noso PXOM e que era un trazado consensuado co municipio de Mos, e sacaron da manga esta nova proposta devastadora para Mos”, declarou Arévalo. Por este motivo, desde a Corporación Municipal estase a traballar nunha posible moción conxunta ao respecto, que se sometería a aprobación na sesión plenaria ordinaria do próximo 30 de decembro. Ademais, a plataforma de afectados DefendeMos liderará e encabezará esta causa, co respaldo dos grupos políticos.
Por outra banda, a alcaldesa e os concelleiros das parroquias de Sanguiñeda, Petelos e Tameiga, co apoio técnico do arquitecto Ramón Vega, reuníronse con representantes veciñais das tres parroquias, incluídos antigos membros da Plataforma DefendeMos, para coordinar o movemento veciñal que se porá en marcha, incluíndo desde mobilizacións ata recollida de sinaturas. A partir de agora, convocaranse novas reunións cos veciños das parroquias de Sanguiñeda, Petelos e Tameiga.
Nidia Arévalo reiterou a esixencia por parte do Concello de Mos de “liberar a peaxe do tramo Puxeiros-Porriño da AP-9 e recuperar o trazado do proxecto en túnel que figura no PXOM mosense”. Insistiu en que o Concello presentará alegacións á nova proposta do proxecto en túnel da autovía Vigo-Porriño, xa que “é notablemente agresiva para o territorio e aumenta gravemente as afeccións en comparación coa solución anterior”.
Segundo os datos de Mos, o trazado “destrúe e paraliza” o desenvolvemento de cinco terreos urbanizables no municipio, ademais de afectar a solo urbano consolidado coa demolición de naves con actividade económica e a máis de 100 vivendas existentes, implicando a expropiación e demolición de “varias delas”.