Vigo | Baixo o lema “”O feminismo muda a historia, sen loita non hai futuro!”, a plataforma “Resposta Feminista – As que miran lilá” composta por máis de 50 mulleres individuais e diversas entidades feministas da cidade -As da Industria, A Morada, Nós Mesmas, Comando Igualdade, Grupo Violeta de Greenpeace, Sección Ecofeminista de Ecoloxistas en Acción, Secretaría das Mulleres de CCOO, Secretaría das Mulleres da CIG-, chamamos a todas as mulleres da comarca, e á cidadanía en xeral, a ocupar as rúas na gran manifestación do 8M que sairá ás 18:30h da Praza dos Cabalos.
Resposta Feminista xorde en 2024 tomando o relevo das distintas plataformas que mobilizaron e convocaron ao feminismo na cidade como foron Feminismo Unitario, Galegas 8M, Marcha Mundial das Mulleres ou a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto.
Dende Resposta Feminista traballamos na construción dun espazo que loite en clave local, onde a pluralidade é considerada riqueza e os distintos sentires dos feminismos suman forza. Como as nosas predecesoras, bebemos dos feminismos autónomos, desvinculadas de siglas partidistas, cun compromiso claro de representar e loitar polas mulleres máis vulnerables e convocando mobilizacións que non deixen a ningunha atrás.
Este ano, malia todos os esforzos, e ao igual que en moitos outros lugares do mundo, o 8 de Marzo en Vigo haberá dúas convocatorias.
Sabemos que socialmente é difícil de entender, acaso non temos os distintos sentires do feminismo unha axenda común? Non temos as mulleres traballadoras as mesmas reivindicacións? Non é a destrución do sistema patriarcal o obxetivo de todas?
Resposta Feminista naceu herdeira do movemento feminista galego: diverso, rico e en crecemento constante. Naceu para construír un espazo de aprendizaxe mutuo e inclusivo, amable entre nosoutras e que teña claro cal é o inimigo a abater, onde non se cuestione a identidade de ningunha muller nen se impida a súa participación, onde a loita contra o machismo non estea marcada polo medo, o punitivismo ou a lóxica do castigo.
Cando soubemos da existencia doutra convocatoria reunímonos con elas co ánimo de tentar deixar as diferencias a un lado e camiñar todas xuntas, mais as condicións eran inasumibles: deixar atrás as compañeiras trans non será nunca unha opción, ningunha muller será libre mentres non o sexamos todas.
O noso compromiso é continuar na loita, como dicía Rosa Luxemburgo, “por un mundo onde sexamos socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres”.