A plataforma “Vivir Ponteareas” reclama maior protagonismo para os peóns

Ponteareas | A Plataforma Cidadá “Vivir Ponteareas” quere que o pobo de Ponteareas se convirta nunha vila na que os peóns sexan os protagonistas. Apela ao que o goberno os teña en conta e que se realizen melloras no núcleo urbano para que sexa un lugar máis saudable e con maior calidade de vida.

MANIFESTO

Por unha nova vila para as persoas

Ponteareas é a vila na que todos e todas nós decidimos vivir. Por iso aspiramos a que o lugar no que residimos, onde mercamos, onde traballamos, por onde paseamos ou no que criamos aos nosos fillos e fillas nos ofreza a maior a calidade de vida posible.

As persoas que temos ese desexo común decidimos organizarnos na plataforma “Vivir Ponteareas” para lograr un obxectivo: converter Ponteareas nunha nova vila sustentable, saudable e máis humana, na que as persoas sexan as protagonistas.

Durante décadas a vila concibiuse como un lugar pensado para os vehículos e non para as persoas. O coche apropiouse da maior parte do espazo público, mentres as persoas foron relegadas a espazos marxinais. Case o 80% do espazo público en Ponteareas está destinado aos vehículos, mentres as persoas deben camiñar por beirarrúas estreitas e cheas de atrancos ou incluso pola calzada cando aquelas nin existen. O pouco espazo para as persoas incluso é ocupado por vehículos que estacionan sobre pasos de peóns, sobre beirarrúas, en prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida ou en zonas peonís.

É necesario cambiar por completo esta situación e recuperar o espazo público para as persoas, para a xente maior e os nenos e nenas, para as persoas con mobilidade reducida ou para os ciclistas. É urxente promover a mobilidade a pé e en bici en Ponteareas. É preciso cambiar os hábitos dos condutores e condutoras que saturan o centro usando o vehículo innecesariamente e por comodidade. Usar os aparcadoiros públicos e camiñar uns poucos minutos por unha vila tranquila ata o destino debe ser a nova forma de vivir Ponteareas.

Nos últimos tempos o Concello ven realizando algunhas accións nesa dirección, pero son claramente insuficientes. É moi necesario e urxente ir a máis, ser máis ambiciosos. Por iso demandamos diante do goberno local:

-A ampliación dos espazos para as persoas: máis zonas peonís e beirarrúas máis anchas, con mobiliario urbano para a estancia e o descanso das persoas e con zonas verdes sombreadas e axardinadas.

-A eliminación das barreiras arquitectónicas que exclúen a numerosas persoas do acceso e desfrute do espazo público.

-A mellora da seguridade, reducindo riscos en lugares como os pasos de peóns e reducindo a velocidade máxima permitida en zona urbana.

-Maior vixilancia e actuación por parte da Policía Local para que os condutores e condutoras respecten os nosos dereitos como peóns ou como persoas con mobilidade reducida.

-Incentivar e promover a mobilidade a pé e en bicicleta, ademais do transporte público.

Levar a cabo estas medidas farán de Ponteareas unha vila mellor: máis accesible para todos e todas, máis humana e agradable, máis saudable e con menos contaminación acústica e atmosférica, máis confortable e máis sociable, favorecendo o encontro social, máis segura para as persoas, con máis e mellor actividade comercial e máis atractiva para todos e todas nós e para as persoas que nos visitan.

Ponteareas é un lugar ideal para vivir se cambiamos a actual situación. Temos unha magnífica vila para camiñar ou para movérmonos en bicicleta: todo está moi preto, incluídos os aparcadoiros públicos, e apenas existen pendentes.

Vivir Ponteareas anima ao Concello a actuar con decisión e valentía no obxectivo de converter ás persoas nas protagonistas da vila. E para iso queremos achegar as nosas ideas e as nosas propostas e, polo tanto, que se conte con nós á hora de realizar proxectos de humanización ou de adoptar medidas de regulación do uso do espazo público polas persoas e os vehículos.

Compartimos as medidas tomadas nos últimos tempos de mellora dalgunhas rúas ou de redución do límite de velocidade no centro urbano dando prioridade na calzada aos peóns. Obras como a do Paseo Matutino, a nova praza do Mercado e Auditorio, que reclamamos como completamente peonil, e a rúa San Roque, pendente de finalización, son unha mostra do que Ponteareas necesita. Os proxectos de humanización xa aprobados como a Rúa Redondela, a Praza de Bugallal ou a contorna do complexo deportivo Álvaro Pino van na mesma dirección.

Pero non nos conformamos e queremos máis e para conseguilo facemos un chamamento a todas as persoas que comparten este desexo a unirse a Vivir Ponteareas. Xuntos poderemos facer de Ponteareas un lugar ideal para vivir.