Pereiro de Aguiar | Os cidadáns de Ourense seleccionaron o seu Espazo libre de fume no Concello do Pereiro de Aguiar. Esta iniciativa é unha proposta da Asociación Española contra o Cancro para promover a creación de ambientes libres da exposición ao fume nocivo do tabaco tradicional e electrónico, en espazos abertos de uso público e colectivo, con independencia da súa titularidade pública ou privada.
O tabaco é causante dun dano importante sobre o medio ambiente que excede o ciclo de vida do cigarro. Empeora a calidade do aire mesmo en espazos abertos e contamina o chan e a auga durante moito tempo a través das cabichas.
Con esta iniciativa búscase promover unha vida libre de fume que protexa sobre todo á poboación xuvenil. Desnormalizar o hábito de fumar en espazos convivenciais públicos, reforzando o papel modélico positivo dos adultos en relación co consumo de tabaco. Incentivar o abandono do hábito tabaqueiro e axudar no proceso.
O plan de actuación para seleccionar o espazo consistiu na realización dunha votación accesible a toda a poboación a través das canles dixitais da asociación e do Concello. O espazo sen fume escollido no Pereiro de Aguiar é os arredores do centro escolar Ben Cho Shey e do Pavillón deportivo, onde tamén conflúe a ruta dos muiños.
O alcalde do Concello do Pereiro, Luis Menor; o presidente da asociación, Germán Rodríguez-Saá; e a profesional da asociación, Belén Pérez, presentaron o espazo exterior coas súas respectivas sinaléticas.
O colexio é un centro escolar referente do rural da provincia de Ourense con 260 alumnos/as en idade infantil e primaria. Todo o conxunto concrétase como unha contorna educativa, deportiva e medioambiental, que conta con 20.000 metros cadrados.
Así preténdese evitar que a poboación siga sendo involuntariamente fumadora pasiva contribuíndo a diminuír, a longo prazo, mortes prematuras e enfermidades crónicas, entre elas o cancro.
Impulsar a creación de espazos de lecer e/o traballo en zonas exteriores sen tabaco e ver pola saúde pública anticipándose á obrigatoriedade da lei, cooperando así na consecución das metas da Comisión Europea de reducir os fumadores a menos do 5% en 2040.