Ponteareas/BNG | A concelleira do BNG en Ponteareas, Cristina Fernández Davila, tomou posesión este luns como deputada no Parlamento Galego, no inicio da nova lexislatura tras as eleccións galegas.
A deputada ponteareá asumiu “con ilusión a gran responsabilidade que supón este nomeamento” comprometéndose “a traballar para devolver a confianza que case 5.000 veciñas e veciños de Ponteareas depositaron no BNG”. Ademais, comprometeuse a dar voz no Parlamento Galego ás necesidades da veciñanza da localidade e do conxunto da comarca. “Estarei a disposición de todas as persoas e colectivos e serei a voz das súas demandas ante o goberno da Xunta”, sinalou Cristina Fernández, que continuará formando parte da corporación municipal de Ponteareas como concelleira do BNG.
Fernández sinalou que “agora o BNG conta con máis forza e máis apoio, e o traballo dos 25 deputados e deputadas do Bloque vai servir para seguir defendendo a sanidade e a educación públicas, unha mellor atención ás persoas maiores, o medio ambiente, unhas infraestruturas dignas ou para darlle futuro á mocidade”.
A líder do BNG, Ana Pontón, anunciou unha oposición construtiva e en positivo, “co obxectivo claro de mellorar a vida dos galegos e das galegas poñendo sobre a mesa alternativas de futuro que solucionen os problemas que afectan no día a día á xente deste País, enfrontando as grandes transformacións que precisa Galiza. Actuaremos como alternativa de goberno para este País. Non imos limitarnos á crítica, senón que a cada problema, explicaremos aos galegos e ás galegas que faría un Goberno do BNG para dar solucións” concluíu.
Cristina Fernández Davila é Técnica Especialista en Informática de Xestión. Dende 1993 é funcionaria do IES Val do Tea. Ten asumido diversas responsabilidades nas asociacións de nais e pais do alumnado e foi presidenta da Federación de Anpas do Condado FANPO. Dende 2012 é concelleira do BNG, asumindo no 2015 a segunda tenencia de alcaldía e a concellaría de Ensino, Participación Cidadá e Réxime Interior. Dende as eleccións de maio de 2019, Fernández Davila asumiu a primeira tenencia de alcaldía, así como as concellarías de Ensino, Eventos, Saúde e Consumo. Entre 2021 e 2023 foi alcaldesa de Ponteareas, incorporándose en xuño do 2023 ao Parlamen
Propostas de apoio ás persoas con trastornos do espectro autista
O BNG proporá no pleno deste martes en Ponteareas unha batería de propostas para mellorar a calidade de vida das persoas e familias que conviven co Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), pondo o foco nas dificultades que atopan no seu día a día. A través da súa concelleira Verónica Bargiela, o BNG sinala que “o coñecemento da realidade das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo é clave para lograr a súa plena inclusión e para que poidan vivir nun ambiente de tolerancia, respecto e igualdade verdadeira.
Por este motivo, o BNG propón “facilitar a accesibilidade cognitiva das persoas con TEA, dispondo de pictogramas e sinaléctica que facilite a comprensión dos espazos e edificios públicos, iniciando tamén unha campaña dirixida a entidades privadas, comerciantes e asociacións para que se poidan adherir á iniciativa municipal e sinalizar os seus servizos e locais”. A concelleira do BNG aclarou que “non todo o mundo comprende o que nos rodea do mesmo xeito. Por iso as administracións públicas como o Concello de Ponteareas deben traballar pola accesibilidade universal, procurando que os espazos públicos e servizos sexan comprensibles e utilizables por todas as persoas en condicións de seguridade e confort da forma máis autónoma e natural posible.” Bargiela lembrou que “cando o goberno local regresou ao pasado en materia de mobilidade e eliminou caprichosamente os pictogramas das rúas peonís, alterou ás persoas con diferentes trastornos que se desprazaban con maior autonomía grazas a estes símbolos”.
O Bloque aposta tamén na súa iniciativa pola posta en marcha “dunha campaña de sensibilización para facilitar a inclusión social das persoas con TEA, especialmente nos centros escolares, fomentando a empatía e o respecto á diversidade dende as idades máis temperás”. Na mesma liña, o BNG avoga pola formación para familias, para profesionais que traballan con persoas con este trastorno e para o persoal municipal que atende ao público. Ademais, expoñen a necesidade de “coidar a quen coida”, ofrecendo atención psicolóxica ás persoas coidadoras e as persoas con TEA que deixan de recibir axudas ao chegar á idade adulta.
Entre as múltiples propostas, o BNG menciona o dereito ao lecer das persoas con trastorno do espectro do autismo, propondo “ter en conta as súas necesidades nas actividades festivas con accións como acoutar unha zona de volume reducido nos desfiles de rúa, continuar a iniciativa do anterior goberno local de asignar unha franxa horaria para que as atraccións das festas reduzan o volume ou garantir as prazas suficientes e o apoio específico e especializado en actividades como campamentos”. Por último, dado que o martes 2 de abril se conmemora o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, o BNG propón accións simbólicas como a iluminación da fachada da Casa do Concello de cor azul, a colocación do lazo no balcón e a divulgación desta data para visibilizar o TEA e concienciar ao conxunto da sociedade.
“Dende o Bloque instamos ao goberno local a adoptar unha postura activa, coa posta en marcha progresiva destas medidas sinxelas para continuar o traballo iniciado polo goberno do BNG neste ámbito, xa que serán de grande axuda para este colectivo”, sinalou Verónica Bargiela. “Non podemos retroceder nin un paso atrás. Ponteareas debe seguir avanzando para, transformar as nosas contornas e que todas as persoas poidan ter acceso e facer uso das mesmas en igualdade”, concluíu a edil do BNG.