O Porriño | O Concello do Porriño homenaxeou onte á porriñesa Emma Rodríguez Pretel polo Premio extraordinario á excelencia académica que lle concedeu a Universidade de Vigo ao ter o mellor expediente académico do Grao en Enfermería da promoción do 2022.
A universidade fixo entrega o pasado venres destas distincións que premian o esforzo dos mellores estudantes en cada unha das titulacións, e unha delas foi Emma, veciña de Atios de 22 anos que onte foi recibida no seu concello polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González.
“Sumámonos a este recoñecemento ao mérito e tesón de Emma”, afirmou o alcalde, “Sei que falo no meu nome e no de todos os porriñeses e porriñesas cando lle digo que nos sentimos profundamente orgullosos do seus logros”.
Tal e como trasmitiu Lorenzo, estes premios “poñen en valor o esforzo dos mozos e mozas que, como Emma, liderarán o desenvolvemento da nosa sociedade nas próximas décadas. Apostar por eles é apostar polo futuro e o talento dos porriñeses”.
Por iso agradeceu a Emma o seu exemplo e animouna a “seguir traballando por conseguir todas as metas que te propoñas, sabendo que se poden alcanzar”.
Emma rematou Enfermería o pasado curso, pero esta non é a única distinción que recibiu durante a súa traxectoria académica. Xa no IES Pino Manso, onde cursou os seus estudos da ESO e Bacharelato, foi premiada como a mellor da súa promoción, galardón que volver conseguir no primeiro ano de carreira.
Tal e como explicou aos representantes municipais, a súa vocación pola enfermería chegou xa cando se atopaba en segundo curso. “Sempre tiven claro que quería estudar algo da rama sanitaria”, apuntou Emma.
“Quería ser matrona e por iso me matriculei finalmente en enfermería, pero descubrín que me gusta esta profesión e diferentes ramas da mesma, que esta era a miña vocación aínda que non o soupera antes”.
Desde que se graduou, a porriñesa leva traballando todo o tempo pero ten claro que seguirá estudando. “Na miña profesión e supoño que en todas, é esencial continuar formándose”, concluíu, “No meu caso, preparareime para ser matrona”.
Concello e AFAGA traballan para mellorar a atención aos enfermos de Alzheimer
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Terceira Idade, Rosario Costas, mantiveron esta semana unha xuntanza coa a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA) para coñecer as súas propostas e necesidades, así como para amosar o apoio do Concello do Porriño ao labor que desenvolven.
O presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, e os representantes municipais valoraron iniciativas para poñer en marcha no Porriño que ampliarían notablemente a atención que se presta aos enfermos e ás súas familias, que na actualidade se limita á que poden dispensar na Unidade de Atención Diurna Especializada que teñen no municipio.
Este centro, que se rixe mediante convenio coa Xunta de Galicia, atende a 22 usuarios, todos eles persoas maiores con demencia tipo Alzheimer.
“Para poder loitar contra esta enfermidade e mellorar a calidade de vida dos que a padecen e das súas familias é moi necesaria a implicación de todos”, apuntou o rexedor.
“Estamos ademais nun momento complicado para as persoas con demencia, e en xeral para as persoas maiores, xa que as medidas de distanciamento social en moitos casos aceleraron o proceso de deterioro cognitivo e funcional, ademais de aumentar a sobrecarga que padecen as familias. Por iso é máis necesario que nunca intervir e dende o Concello traballaremos da man con AFAGA para facelo”.
Concello e Afaga traballan xa na posta en marcha en varias iniciativas no municipio dirixidas por unha banda á prevención da demencia e promoción de hábitos saudables para o envellecemento activo, e por outra, a prestar atención ás persoas diagnosticadas e ás súas familias.
Tras a que foi a primeira xuntanza de traballo entre ambas entidades, os representantes municipais agradeceron visitaron aos usuarios e usarias do centro de atención, agradeceron ao persoal do mesmo o labor que desenvolven e animáronos a seguir traballando con entusiasmo. “Un entusiasmo que compartimos e que nos axudará a dar unha resposta máis ampla e eficaz ás persoas con demencia e ás súas familias”, concluiu o rexedor.