A porriñesa Julia de la Cal gaña o Premio da Artesanía de Galicia 2024

Pola súa obra PERIFERIA #01

O Porriño | O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, recibiron na Casa do Concello a Julia de la Cal, unha destacada artesá e deseñadora gráfica especializada en cestería, quen foi galardoada co prestixioso Premio de Artesanía de Galicia 2024. Este premio, dotado con 9.000 euros, recoñece a súa obra “PERIFERIA #01”.

Julia, quen ten o seu estudo-obradoiro “A Parabólica” no barrio de San Sebastián, dedicou a súa vida á cestería, unha paixón que descubriu durante a súa formación na Escola Massana de Barcelona, tras estudar Ilustración na Coruña. Desde o seu regreso ao Porriño en 2015, traballou incansablemente, obtendo a Carta de Artesá de Galicia e acumulando unha serie de recoñecementos, entre eles a Bolsa Eloy Xesto de Artesanía de Galicia en 2021, que lle permitiu formarse en técnicas tradicionais de cestería en Francia. Ademais, foi finalista nos Premios Nacionais de Artesanía en 2023 na categoría de Emprendemento.

O seu traballo caracterízase polo uso de vimbia que ela mesma cultiva, creando pezas únicas. Julia destaca polo seu enfoque na sustentabilidade, utilizando vimbia viva para tecer estructuras que reflicten o seu compromiso co medio ambiente.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, expresou o seu orgullo por contar cunha artesá de tal calibre na vila e incidiu na importancia de apoiar e promover o talento local. “Julia non só é un exemplo de profesionalidade e emprendemento, senón que tamén representa os valores de sustentabilidade e conexión coa nosa terra”, afirmou.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.