Ourense | Natalia González Benéitez, portavoz do grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense, interpuxo unha demanda polo que consideraba unha vulneración dos seus dereitos fundamentais ante as reiteradas interrupcións por parte do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, durante as sesións da Corporación.
O Xulgado do Contencioso-Administrativo vén de dictaminar que no pleno extraordinario do 26 de outubro do ano pasado vulneráronse ditos dereitos e a súa participación política.
A sentenza recolle que “cando os concelleiros estean no uso da palabra, exercendoo con corección, sen afastarse da cuestión debatida e dentro do tempo razoable que se lle concedeu para participar no debate, non cabe que, en aras dunha suposta ou non ben entendida facultade de dirección ou de orde, o Alcalde-Presidente interrompa a quen lexítimamente e no exercicio da súa función representativa fai uso da súa quenda de palabra; pois tal comportamento non está ao amparo pola facultade da que dispón”.
Tamén se argumenta no veredicto que as interrupcións continuas impiden non só o debate sosegado que o rexedor debe garantir, senón “incluso unha verdadeira participación dos concelleiros no Pleno e, por elo, supón unha extralimitación que non atopa amparo no ROF e que pode supoñer unha conculcación do dereito fundamental do artigo 23 da Constitución Española”.
A maxistrada entende, logo de analizar a documentación aportada sobre o pleno do 26 de outobro de 2023, que “a actuación do Alcalde-Presidente supón unha extralimitación das facultades de dirección e de orde que ten atribuidas pola normativa” e que “os términos e expresións que dirixe á concelleira recorrente, coa que chega a polemizar, non se corresponden co respecto institucional que debe imperar”.
Condena pois ao rexedor a publicar a sentenza na web do Concello de Ourense, con acceso público á mesma, á súa lectura íntegra no primeiro pleno que se celebre tralo fallo xudicial e ao pago de 400 euros que terá que aboar a Administración demandada polas costas procesais.
[publi13