A Coruña | O ciclo Poetas Di(n)versos retoma a súa actividade e presentará este próximo luns, 12 de decembro, unha mostra do mellor da poesía de Portugal e Galicia, coa presenza no Ágora de Filipa Leal e Nuria Vil. Será un acto aberto e gratuíto a partir das 20.00 horas, dunha hora de duración aproximadamente, que conducirá a fundadora e coordinadora do ciclo, a tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño.
Filipa Leal é unha escritora, poeta, guionista e periodista nada na localidade de Porto e está considerada como unha das novas poetas máis destacas de Portugal. A súa obra inclúe doce títulos xa publicados, entre eles A Cidade Líquida, A inexistencia de Eva, O Problema de Ser Norte, así como os máis recentes Vem á Quinta-feira e Fósforos e Metal sobre Imitação de Ser Humano, ambos os títulos finalistas do Premio Correntes d’Escritas.
Trátase, por tanto, dunha das poetas portuguesas máis consagradas da súa xeración e está presente tanto en antoloxías portuguesas como estranxeiras así como en proxectos como Poemas no metro, instalacións sonoras e álbums de poesía e música. Actualmente presenta o programa de literatura Nada será Como Dante, na RTP2.
Honestidade e carácter definen á viguesa Nuria Vil, unha voz puxante e rebelde da poesía galega. Moi activa nas redes sociais, forma parte da poesía escénica Dúas gamberras e un Micro, xunto coa tamén poeta Vanessa Glemsel, da plataforma de crítica literaria A Sega, e tamén dun proxecto con música experimental xunto a MorlitaM.
O pasado ano colleitou eloxios polo seu primeiro e único poemario escrito: Simún (Chan da Pólvora, 2021). Segue a desenvolver propostas multidisciplinares que unen danza, música experimental ou improvisación oral poñendo o foco na vindicación social, o activismo LGBT e o antirracismo. Filipa Leal e Nuria Vil porán o remate do trimestre de outono de Poetas Di(n)versos, aínda que o ciclo continuará mes a mes ata xuño.
A programación poética do Concello da Coruña volverá retransmitirse en liña e en directo e volverá tamén editar un folleto coa traxectoria e un poema das convidadas, e convidar a unha libraría da cidade a que poña á venda os títulos das autoras. Deste xeito, aquelas persoas interesadas en facerse cunha copia, poderán solicitar sinaturas do seu puño e letra.
Con elas dúas retómase a coidada programación poética do Concello da Coruña. Galardoado co Premio da Crítica de Galicia, co Premio Follas Novas á Mellor Iniciativa Cultural e co Premio Rodolfo Prada á Xestión Cultural, o ciclo Poetas Di(n)versos segue reunindo a mellor poesía de Galicia e do resto do mundo na voz dos seus propios autores e autoras, constituíndo o único ciclo estable que en todo o Estado español presenta voces internacionais de maneira estable e periódica.
Fundado a coordinado pola tamén poeta e xestora cultural compostelá Yolanda Castaño, Poetas Di(n)versos presenta algunhas das máis interesantes poéticas mundiais a carón de autores e autoras en galego, permanecendo atento a novas correntes e amosando toda a diversidade lírica que se escribe hoxe no mundo. Chegaron, neste outono, dende Suecia, a India e Portugal. En concreto, o recital aberto e gratuíto xuntou en outubro ás voces da sueca Ida Börjel e o galego Pablo Otero, mentres que en novembro as protagonistas foron a india Matma Sagar e a galega Verónica Martínez Delgado.