A Guarda | Dende fai uns días a Praza de Abastos da Guarda engalanouse para entrar nestas datas festivas do Nadal. Os praceiros e praceiras participaron nun obradoiro de decoración, grazas ao que artellaron a decoración do Nadal deste entorno.
Ademais desta decoración realizada polos praceiros e praceiras da Praza de Abastos da Guarda, no primeiro andar atópase un espectacular Belén realizado por tres persoas “anónimas” pero moi coñecidas por todos os guardeses e guardesas e que teñen costume de realizar este tipo de beléns nas datas do Nadal.
Un Belén no que non faltan detalles, tentando recrear unha aldea galega típica, coa súa praza, o concello, a súa igrexa, os seus oficios, festexos, etc.
Todas as edificacións deste belén foron feitas a man e conta con numerosos elementos e figuras en movemento, cambio de iluminación recreando o día e a noite, alimentado cunha pila caseira de auga e sal.
O Belén súmase ás actividades e accións da programación do Nadal na Guarda e se pode visitar en horario de apertura da Praza de Abastos, de 9:00h a 14:00h.
Dende o Concello da Guarda se quere agradecer o traballo desinteresado dos praceiros e praceiras que participaron na decoración deste entorno así como o destas tres persoas “anónimas” que, co seu bo facer, achégannos o espírito do Nadal mediante un fermoso Belén.