Santiago de Compostela | Os medios en linguas minoritarias dentro do Estado ocuparon un debate celebrado en Santiago o pasado 5 de novembro. No encontro coñecéronse diferentes realidades arredor das propostas mediáticas en catalán, éuscaro e galego. Promovido polo grupo Sermos Galiza, propietario de Nós Diario, o acto forma parte das actividades arredor do décimo aniversario da editora.
O décimo aniversario de Sermos Galiza foi motivo para reunir en Compostela a tres directores de tres medios procedentes de canda seu país sen estado. Berria de Euskal Herria e representado polo seu director Martxelo Otamendi, Nós Diario, coa presenza da directora, María Obelleiro e VilaWeb, co seu director Vicent Partal.
A reunión foi un intercambio de experiencias entre os medios convocados, e mostrar cal é o comportamento desde as autoridades políticas e administrativas cara a medios en linguas minorizadas.
Vicent Partal abriu as intervencións e contando como o portal VilaWeb.cat, un xornal electrónico nacido en 1995. Esta iniciativa permitiulles ser “máis libres” no momento de informar e crear contidos. Partal mostrou, de maneira irónica, o seu temor a que o algoritmo converta en “máis difícil chegar ao público”. Engadiu ademais que os “medios de partido”, os grandes grupos mediáticos, “non permiten crear xornalismo honrado e honesto”. A frase que resume as diferenzas entre medios como VilaWev.cat e os grandes medios é que “vimos de historias moi distintas”.
Martxelo Otamendi fixo refencia ás axudas públicas que outorga a Xunta aos medios e comparounas coas axudas dos gobernos vasco e navarro aos medios en éuscaro. “Nese sentido tivemos mellor relación con Patxi López que cos anteriores gobernos do PNV, hoxe en día si hai mellor relación co PNV”. Por outra parte sinalou que desde os organismos europeos, que apuntaron a Galicia pola falta de apoio á súa lingua, tamén o fixeron con Navarra, dado o escaso fomento da lingua éuscara no seu territorio.
Otamendi lembrou ademais que “os medios estamos para informar, non para crear contos como por exemplo as Olimpiadas, hai que ir ás Olimpiadas para contar o que pasa”. “O medio debe ser proactivo e buscar as persoas lectoras”. Un dos pasos de Berria para un achegamento á sociedade, sobre todo a parte euskaldún, foi fortalecer as cabeceiras comarcais. “O que pasa dentro da comunidade é importante e a xente quere sabelo”.
Vicent Partal, sobre a cuestión da lingua, sinalou as dificultades que experimentou o catalán tanto nas Illes Balears como no Pais Valenciá durante os gobernos do PP. Sobre as subvencións, “VilaWeb.com está á parte en relación ao tema subvencións”. Aínda que si solicitaron, a intención é a de servir á comunidade “e os lectores entenden que tes outra maneira de facer as cousas”. Isto inclúe un diálogo directo cos lectores para compartillar ideas e experiencias.
Pola súa parte, Xoán Costa, director xeral de Sermos Galiza S.A., fixo referencia tamén á proactividade do medio na procura de público lector.
“Queremos chegar a un número moi amplo cunha liña sen complexos”
“Queremos chegar a un número moi amplo cunha liña sen complexos” indicou Costa que ademais engadiu que a falta de complexos é necesaria cando “vemos que a lingua galega retrocede”. “Buscamos crear dunha comunidade para termos espazo e para iso hai dez anos naceu Sermos Galiza, naceu do cara a cara e do contraste nas informacións”.
María Obelleiro, directora de Nós Diario, avalía o feedback entre o diario e o público lector como bo. Non obstante, sinalou que polo de agora unha información máis local ou comarcal para Nós Diario é difícil de facer, algo que non quita de pensar no futuro con delegacións nas comarcas.