Salceda de Caselas | O Pazo Pegullal foi o marco escollido para a celebración da graduación da primeira promoción de bacharelato de Salceda na tarde do venres 14, un acto sen dúbida inesquecible para os 49 rapaces e rapazas que celebraron o remate dos seus estudos de bacharelato no IES Pedras Rubias.
O acto tiña sen dúbida un carácter especial, por ser esta a primeira promoción en rematar os seus estudos de bacharelato en Salceda tras a súa implantación no curso 2022/2023. Na mente do alumnado, ao igual que na do profesorado, estaba sen dúbida a mágoa por non poder ter estreado o novo edificio que se está a rematar de construir para acoller as vindeiras promocións, pero tamén o orgullo de ser a primeira promoción de bacharelato do municipio.
Foi un acto emotivo, pero ante todo un acto divertido, pensado por e para o alumnado, que gozou coas intervención dos seus mestres e mestras, pero tamén dos seus compañeiros e compañeiras, amenizando ademais a velada con música en directo a cargo de Breogán, Sara, Javi e Alba, estudantes do mesmo instituto.
No acto, ademais de premiar a promoción de bacharelato, recoñecéronse tamén os mellores expedientes académicos do curso, e entregáronse diferentes agasallos ao profesorado, equipo directivo e alumnado.
Máis de 300 persoas participaron no evento no entorno incomparable do Pazo Pegullal, que a súa propietaria Charo Andrade puxo a disposición do centro de xeito desinteresado a través da petición feita por parte da Alcaldesa, Loli Castiñeira. O equipo de goberno (MS) xunto con representantes da corporación de PP e PSOE quixeron tamén estar presentes, respostando deste xeito o convite feito dende o propio IES Pedras Rubias.
A directora do centro, Chefa Espiñeira, felicitou a esta primeira promoción de bacharelato, lembrando que foron anos difíciles con unha pandemia por medio, polo que estaba se cabe máis orgullosa desta promoción. A directora quixo agradecer tamén ao equipo de goberno pola súa involucración na organización do evento, así como á totalidade da corporación por implicarse durante anos na loita por conseguir a implantación do bacharelato no municipio.
CRI-TIC para achegar á infancia ao mundo dixital
O Concello de Salceda de Caselas, a Fundación Esplai, o CEP Altamira e o IES Pedras Rubias veñen de presentar a actividade “CRI-TIC Infancia e xuventude con criterio dixital”, que vai permitir a formación en competencias dixitais básicas e avanzadas a 24 adolescentes do municipio durante o verán de xeito gratuíto.
O proxecto CRI-TIC, xestionado pola Fundación Esplai, ten como obxectivo fundamental favorecer a adquisición de competencias dixitais dende a infancia. Así, combinando coñecementos, habilidades e actitudes, foméntase unha actitude crítica e responsable da tecnoloxía, non só para a aprendizaxe ou traballo, senón tamén para a participación na sociedade e a interacción social. As persoas participantes recibirán formación no uso responsable de internet, ciberseguridade, robótica educativa, impresión dixital e realidade virtual, entre outros.
O proxecto divídese en dous grupos de atención de 30 horas de duración: un grupo de competencias básicas para os nenos e nenas nados no 2012 e no 2013, e outro de competencias avanzadas para as persoas nadas entre os anos 2010 e 2011.
Os centros de ensino realizaron a difusión desta iniciativa entre o seu alumnado, quedando a día de hoxe prazas dispoñibles no grupo de competencias básicas. As sesións levaranse a cabo no CEP Altamira entre o 24 de xuño e o 18 de xullo.