As disputas entre os comuneiros de Tameiga e Cabral con asociacións de empresarios sobre o canon do chan industrial en Monte Faquiña, Ferreira e O Gorxal está abrindo a posibilidade dun éxodo empresarial cara o Norte de Portugal. Algunhas destas disputas están sendo dirimidas a nivel xudicial. Conversamos sobre este tema con Manuel Castro, presidente da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), quen nos recibiu no Viveiro Empresarial que AEMOS ten no Parque Empresarial de Mos (PEMOS), no Polígono Industrial A Veigadaña.
Recentemente, AEMOS asegurou que 300 traballadores de Cabral veríanse afectados pola sentenza xudicial de entrega de terreos aos comuneiros. Tamén está a situación de Monte Faquiña polo canon do chan industrial. Como está afectando esta situación ás empresas establecidas nos polígonos industriais?
É unha situación evidentemente grave porque hai varias empresas que viñan pagando un canon no seu momento aos Concellos de Mos ou Vigo e incluso empresas que compraron os terreos directamente, nalgúns casos ao propio Concello de Vigo no caso de Ferreira e que agora, pola Lei de Comunidades de Montes, ese terreos e parcelas pasaron a ser propiedade das Comunidades de Montes. No caso de Monte Faquiña é a Comunidade de Montes de Tameiga, e co respecto a Ferreira e O Gorxal é a Comunidade de Montes de Cabral.
Onde comezou o problema foi en Monte Faquiña. Segundo vaian vencendo eses contratos de concesións que estaban no seu día asinados polos Concellos, os comuneiros pretenden agora aplicar unhas condicións económicas para esas renovacións que entendemos son esaxeradas e fora de toda lóxica do que habitualmente custa un terreo industrial no noso ámbito. Un prezo do canon que, como dixemos nalgunha ocasión, chega a ser de 1.200% sobre o que viñan pagando. Iso implica que moitas empresas valoren a posibilidade de marcharse desa zona e outras síntense gravemente prexudicadas porque en todos estes anos fixeron melloras nas súas instalacións e investimentos importantes e agora ven que o prezo do canon que lles esixen as Comunidades de Montes é desorbitado, con custes moito mais elevados do que tiñan ata agora. Ningún deles négase a renovar os canons, a aplicar unha suba mais ou menos razoable pero non de xeito indiscriminado. Iso está provocando que algunha empresa estea valorando seriamente o seu traslado a outros ámbitos.
“O prezo do canon que lles esixen as Comunidades de Montes ás empresas é desorbitado, nalgúns casos de ata 1.200%”
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga declarou ao noso xornal (novembro de 2021) que “ningunha empresa marchou de Monte Faquiña”. Qué avaliación fai deste declaración?
Actualmente temos constancia de que unha empresa de conxelados si deixou as súas instalacións de Monte Faquiña. E outras están nestes instantes avaliando seriamente a posibilidade de traslado. Para corroborar e tamén contrarrestar o que dín a Comunidade de Montes, que aseguran non é desorbitado o prezo a aplicar, nós publicamos recentemente unha comparativa de prezos. Por tanto, estamos dicindo cales son os prezos que quere aplicar a Comunidade de Montes de Tameiga e qué prezos hai noutras zonas industriais como o polígono de Veigadaña, como a PLISAN e Valença. E en todas as comparativas, o prezo que quere aplicar a Comunidade de Montes de Tameiga é o máis caro, sete veces máis caro que os demais.
“Actualmente temos constancia de que unha empresa de conxelados si deixou as súas instalacións de Monte Faquiña”
Precisamente, ese estudo de AEMOS considera que o prezo do canon que pretende cobrar a Comunidade de Montes é “sete veces superior” ao que ofrece Valença do Minho.
Si, pero xa non queremos irnos ao máis barato, porque o de Valença é un prezo simbólico, senón o máis normal dun aluguer dun terreo ou ámbito industrial que poida haber na nosa contorna.
AEMOS e empresarios de Vigo reuníronse recentemente co presidente da Câmara Municipal de Valença, José Carpinteira. Ve factible ese traslado de empresas de Mos e Vigo cara o Norte de Portugal?
Hoxe por hoxe, si. Pero eu tamén quero deixar claro que a postura de AEMOS e a miña como presidente, é buscar solucións e evitar a toda costa que esas empresas se trasladen a Portugal e a outras zonas. Nós queremos priorizar que esas empresas queden onde están, que segan xerando riqueza e emprego e evitar a toda costa que marchen a outros lados. E se teñen necesidade de irse ao final, pois polo menos que tenten quedarse na nosa zona de influencia. Recentemente tivemos a visita do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, e da alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, e nos ofreceron os terreos da PLISAN, onde se poida optar por unha compra do terreo ou se poda optar por un dereito de superficie.
“A postura de AEMOS e a miña como presidente, é buscar solucións e evitar a toda costa que esas empresas se trasladen a Portugal ou a outras zonas”
Pódese dicir que o Norte de Portugal da máis facilidade que o sur de Galicia para a recepción de investimentos e de polígonos industriais?
Moitas máis facilidades e inmediatez. Hai disponibilidade de solo dende o primeiro momento. Hoxe mesmo recibimos unha nova notificación dende a Câmara Municipal de Valença volvendo a insistir en que están a nosa disposición para calquera empresa que quera implantarse inmediatamente alí.
O alcalde de Valença asegurou que existen entre 30.000 e 40.000 m2 de chan industrial para a súa ocupación inmediata. A oferta é tentadora, polo visto.
Moi tentadora e a un prezo razoable.
En caso de marchar a Portugal, estaría o asunto da contratación laboral e tamén o tema salarial. Serían por tanto traballadores transfronteirizos, galegos, españois e portugueses?
Entendemos que unha empresa de aquí que se implante en Portugal acabará incorporando tamén traballadores de Portugal, co handicap que temos de que o custe da man de obra en Portugal é un 30% mais económica que os custes salariais en Galicia.
Pero teñen claro como a lei contempla ese asunto salarial?
Perfectamente. Pero insisto, e quero seguir recalcando que a postura de AEMOS é buscar solucións e evitar a toda costa esa fuga de empresas ao país veciño. E tamén quixera recalcar que estamos traballando e mantendo contactos para que tamén se impliquen as administracións públicas, neste caso e sobre todo a Xunta de Galicia, que debe tomar medidas. Porque este non é un caso puntual que pase en Mos ou en Vigo. Estes casos van pasar en toda Galicia pola idiosincracia das leis das Comunidades de Montes en Galicia. Entón creo que dende a Xunta de Galicia deben buscarse fórmulas, lexislar doutro xeito para que ao final as Comunidades de Montes teñan tamén unha responsabilidade e que non teñan a liberdade de decidir qué empresas si e que empresas non ou qué custes van aplicar.
“Estamos traballando para que tamén se impliquen as administracións públicas, sobre todo a Xunta de Galicia”
Pero recibiu algunha resposta en firme da Xunta?
Aínda non. Temos pendente de solicitar en breve unha xuntanza co presidente Feijóo para trasladarlle de primeira man esta problemática e facerlle ver que non é unha problemática local de Mos ou dunha zona de Vigo, senón que é unha problemática de toda Galicia. Por tanto, tamén quero recalcar que esta situación xera incertidumbre á hora de que un proxecto industrial se implante nalgunha zona industrial de Galicia.
Outras cámaras empresariais en Lugo, Ourense, Pontevedra, han visto o mesmo problema? Tiveron contactos con eles?
Tivemos algún contacto e por iso estamos nesa fase de contactar con diferentes zonas que poidan ter o mesmo problema, así como coas medidas que toman as Comunidades Autónomas nos seus respectivos ámbitos de influencia e recabar así apoios para buscar solucións.
A Comunidade de Monte Faquiña acusou ao Concello de Mos de ‘estar utilizando ás empresas para botar á xente contra nós’. Por qué cre que existe esta confrontación entre esta Comunidade de Montes e o Concello?
Non vou a entrar a valorar ese tema. AEMOS é unha entidade totalmente independente e defendemos os dereitos e necesidades dos nosos asociados por riba de todo. Na zona de Monte Faquiña, a gran maioría das empresas afectadas son asociados de AEMOS e viñeron a nós para pedirnos axuda, buscar colaboración e apoio. Nós a iso é o que nos dedicamos: a buscar solucións para os nosos asociados que agora mesmo teñen un problema en Monte Faquiña.
“Agora mesmo están en marcha varias demandas xudiciais e estamos á espera das resolucións”
Cre que todos estes problemas terán a súa definición nos tribunais?
Agora mesmo están en marcha varias demandas xudiciais e estamos á espera das resolucións. Hai demandas xudiciais sobre todo en base aos prezos desorbitados que se queren aplicar. Os despachos xurídicos están traballando niso. Son tres despachos, un en Madrid e os outros dous aquí en Vigo.