A provincia de Ourense alcanza os 64 concellos emprendedores

Celanova, Muíños, Castrelo de Miño e Manzaneda os novos adheridos

 

Ourense | Un total de 64 municipios da provincia de Ourense xa son Concellos Emprendedores tras a adhesión de Celanova, Muíños, Castrelo de Miño e Manzaneda. Con esta distinción súmanse ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecen máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais.
Galicia conta actualmente con 140 Concellos Emprendedores: 64 na provincia de Ourense, 36 na Coruña, 18 en Lugo e 22 en Pontevedra.

Todos eles recollen o espírito da nova Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica aprobada o pasado mes de febreiro no Parlamento galego e contribúen, así, a implantar unha nova cultura administrativa en Galicia para eliminar trabas burocráticas, intensificar a simplificación dos trámites e apoiar a implantación de novos proxectos empresariais. Trátase de trasladar confianza e seguridade xurídica ao tecido económico. E, nese sentido, cómpre sinalar que, como novidade, a nova lei fixa un prazo de tres meses para a emisión de informes por parte da Xunta e amplía os supostos de iniciativas empresariais prioritarias.

Para ser Concello Emprendedor, as administracións locais, unha vez aproban nos seus respectivos plenos a modificación das ordenanzas correspondentes, teñen que adherirse ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar na captación de investimentos para Galicia.

A Xunta está a dar prioridade aos Concellos Emprendedores en diversas liñas de axudas destinadas a impulsar a fábrica intelixente, o emprego de calidade e o emprendemento baseado na innovación e no talento. Para iso, o Goberno galego establece nestas axudas, que están a ser convocadas en réxime de concorrencia competitiva, un criterio específico.

Os Concellos Emprendedores, pola súa banda, comprométense a ofrecer ás empresas que mostren interese por instalarse nas súas localidades máis incentivos fiscais, maiores facilidades para acceder ao solo empresarial e unha simplificación na tramitación administrativa. Os maiores incentivos fiscais por parte dos concellos para favorecer a chegada de novas empresas suporán unha bonificación de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes. Deste xeito, a colaboración entre as administracións públicas permite avanzar cara a unha Galicia máis competitiva.