Vigo | O proxecto de radio itinerante de Ponte… nas Ondas!, #ARadiodoPatrimonio, integrado no programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, desembarca esta semana en Sarria e Santiago de Compostela.
A maxia do Mago Antón voará polas ondas de PNO! o xoves 20 de outubro, desde onde se emitirá, con sede na antiga Fábrica de Feculera, un programa especial a partir das 12:00h.
No evento participan seis centros escolares da comarca e varios portadores de patrimonio locais como a titiriteira Verónica Quintela ou Jose Antonio González, director da Banda de Sarria.
Música, historia, tradicións e costumes de Sarria
Jose Antonio González debutou na histórica formación sarriá con tan só 10 anos e leva desde os 22 sendo o seu director, case 30 anos á batuta dunha banda que conta cunha traxectoria de máis de 150. Toda unha vida adicada a música da que dará boa conta ante as preguntas do alumnado do CPR A Asunción, CPR A Merced, CEIP Antonio Fernández, CEIP Frei Luis de Granada, IES Xograr Afonso Gómez e o IES Gregorio Fernández.
Verónica Quintela pasará polos micros da Radio do Patrimonio para explicarlle aos máis cativos como se fan as tradicionais Pampónigas de San Xoán e que tanta tradición teñen na vila.
E a historia, as tradicións e costumes de Sarria, serán analizadas polo ollo experto do historiador Félix López Arias, “Arlindo” experto na historia da comarca, cronista entre 1981 e 2011 e que conta cun arquivo de máis de 4.200 páxinas ao que lle chama ‘Tesouro Sarriao’.
Tamén falaremos de bonsais, coa Asociación Serbal, nun programa que se retransmitirá por streaming a través das webs de Ponte… nas Ondas!. Unha hora e media para divertirnos e aprender arredor do patrimonio que pechará cos trucos e historias de maxia do Mago Antón.
Rematamos o Camiño en Fonseca con Luz Fandiño e Pancho Álvarez
Desde o Salón Nobre do Colexio de Fonseca, ao carón da Praza do Obradoiro, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! (PNO!) convoca a audiencia o venres 21 de outubro a partir das 12:00h ao seu último programa da iniciativa #ARadiodoPatrimonio.
Un programa que contará coa colaboración do alumnado do CEIP López Ferreiro, encargados de elaborar as preguntas aos convidados: desde o propio alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, ata o Reitor da USC, contando tamén con actuacións musicais como a de Pancho Álvarez que fará un obradoiro repasando os instrumentos de corda que constitúen a banda sonora de Galicia.
Os versos de Luz Fandiño terán tamén cabida nas ondas de PNO!. A poeta e activista participará no programa recitando e respondendo ás preguntas dos máis cativos. Tamén o gaiteiro e artesán de San Lázaro, Bartolo, que volverá a coller a gaita para tocar co seu alumno Xavier Varela Couceiro, neto de Xesús Couceiro, fundador da libraría Couceiro en 1969, a libraría máis antiga de Compostela, e da que tamén coñeceremos a súa historia e evolución ata o que hoxe é, alén da venda de libros, un espazo de debate e encontro cultural na Praza de Cervantes.
As Cordas Históricas de Pancho Álvarez poránlle o ramo ao programa, desde a lira ata a guitarra eléctrica, Álvarez ofreceralle aos cativos, e demais xente que alí se achegue, un repaso da evolución musical de Galicia a través da corda.
Será o punto e final a unha serie de catro programas polos que ten pasado o mestre gaiteiro Xurxo Antúnez ‘o Terrible’, o artesán Xavier Blanco, a directora do documental Mulleres na raia, Diana Gonçalves, a cantante Andrea Pousa, o Mago Antón ou o historiador Arlindo Arins. Catro programas que se poden recuperar e ver en diferido nos sitios web de Ponte… nas Ondas!
Vinte e sete anos de traballo en prol do patrimonio
O proxecto da Radio do Patrimonio chega a uns meses de que o modelo da Asociación Ponte… nas Ondas! sexa inscrito no rexistro de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da UNESCO. En decembro de 2022 decidirase esta inscrición de Ponte…nas Ondas! na UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España en marzo de 2021, e será a primeira inscrición para Portugal e Galicia.
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, leva vinte e sete anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial, Xornadas Multimedia ou Días Mundiais da Radio, entre outros eventos e actividades organizados pola Asociación.