Santiago de Compostela| A Real Academia Galega celebrará este sábado 12 de decembro, o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero.
A celebración terá lugar a partir das 12:00 horas no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Xeografía e Historia, praza da Universidade, 1), no mesmo edificio en que o homenaxeado impartiu clases como primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega en Galicia.
O acto, que tivo que ser adiado por mor da situación sanitaria, incluirá catro alocucións sobre a vida e o legado intelectual de quen é unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, a cargo da académica Margarita Ledo Andión e dos académicos Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei.
A Real Academia Galega lembra que a sesión poderá seguirse en directo a través do site da Academia.
Debido ás limitacións adoptadas para a prevención da covid-19, a capacidade do paraninfo verase reducida, o que afectará tamén ao espazo reservado para os medios de comunicación.
Ás 11:50 horas, os membros da Real Academia Galega realizarán unha foto de grupo nas escaleiras da Facultade de Xeografía e Historia.