A RAG dedicará a Florencio Delgado Gurriarán o Día das Letras Galegas 2022

Como homenaxe a tódolos intelectuais galegos no exilio mexicano

A Coruña | A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2022 a Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987). O Pleno da institución acordou na sesión celebrada esta mañá renderlle homenaxe o ano que vén ao autor ourensán, cuxo labor literario e activismo político e cultural constitúen un dos capítulos máis destacados das letras galegas da diáspora.

“A través da súa figura tamén homenaxeará, por primeira vez, a Galicia do exilio republicano en México”

A RAG non só celebrará o excelente poeta que foi, cultivador dun galego enxebre, característico das terras de Valdeorras. A través da súa figura tamén homenaxeará, por primeira vez, a Galicia do exilio republicano en México, país onde o propio Delgado Gurriarán e outros colegas desenvolveron iniciativas sobranceiras que mantiveron vivo o facho da nosa identidade e que constitúen un referente obrigado da nosa historia contemporánea.

Florencio Delgado Gurriarán, avogado de formación, foi poeta, articulista, pioneiro da tradución poética interlingüística, editor literario e home ponte entre a Galicia exiliada en México e a Galicia interior, capaz de tecer asemade vínculos coa intelectualidade doutras orixes.

“Foi tamén un extraordinario activista cultural, promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México”

Foi tamén un extraordinario activista cultural, promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México (creado en 1953), a revista Vieiros –da que foi director xunto con Carlos Velo e Luís Soto–, a audición radiofónica “Hora de Galicia”, que estivo en antena todos os domingos durante case dúas décadas, e de varias publicacións de carácter político e cultural.

Por iso, o seu Día das Letras Galegas será tamén unha homenaxe serodia a todo o exilio mexicano, cuantitativamente menor có arxentino pero dunha importancia igualmente capital. Del formaron parte canda o protagonista do vindeiro 17 de maio figuras como o cineasta Carlos Velo, o músico Xesús Bal y Gay, o xornalista Ramón Cabanillas fillo, o arquitecto Xosé Caridad Mateo ou Elixio Rodríguez.

O autor, membro moi activo do Partido Galeguista de Valdeorras, chegou a México tras lograr escapar a través de Francia no ano 1939. Fíxoo a bordo do Ipanema, un dos barcos que levaron os refuxiados españois a América e no que fuxiron tamén, entre outros, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé, Johán López Durá, Serafín Ferro ou o mencionado Elixio Rodríguez.

Unha vez en América mantería o compromiso cívico e cultural que dende moi novo o achegara tamén ás Irmandades da Fala e ao Seminario de Estudos Galegos, do que fora socio protector.

Creador e tradutor de poesía
Como poeta, ao longo de máis de cinco décadas publicou composicións en revistas, xornais e libros. O seu primeiro poemario, Bebedeira (Editorial Nós, 1934) é unha obra próxima ao hilozoísmo de Amado Carballo coa que participou na renovación da estética da poesía galega. Xa no exilio, axiña se implicou na revitalización cultural nun tempo en que a cultura galega da terra ficaba muda no seu propio idioma, mentres México e Buenos Aires se convertían nos grandes centros de actividade cultural e política do galeguismo.

Páxinas memorables daqueles anos son a colectánea poética Cancioneiro da loita galega (1943), primeira publicación do Partido Galeguista en México e da que Delgado Gurriarán foi responsable intelectual e principal colaborador. A súa voz, ademais de ser a máis presente nesta edición de “poesía de combate”, é a máis variada e significativa e inclúe poemas dedicados ao seu amigo Alexandre Bóveda.

“Gurriarán coidou sempre o contacto cos autores galegos exiliados noutros países”

Gurriarán coidou sempre o contacto cos autores galegos exiliados noutros países. Desta relación quedou constancia na devandita colectánea ou no volume Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1946), no que enceta unha nova actividade literaria: a tradución de poetas consagrados da literatura universal. O volume, no que colaborou canda Plácido R. Castro (daquela en Galicia, antes do regreso a Reino Unido) e Lois Tobío (dende Uruguai), foi premiado pola Federación das Sociedades Galegas da Arxentina e publicado por primeira vez na capital porteña tres anos máis tarde.

Delgado Gurriarán trouxo ao galego nesta achega a Rimbaud, Mallarmé ou Valéry xunto ás traducións dos seus colegas de Yeats, Shelley ou Keats. A súa man organizadora tamén está detrás do volume colectivo Presencia de Galicia en México (Padroado da Cultura Galega, 1956), no que colaboran intelectuais extragalegos como o historiador catalán Pere Bosch iGimpera.

‘Vieiros’
Vieiros (1959-1968) é outro gran fito do exilio galego en México que Delgado Gurriarán e os seus colegas fixeron posible, anos despois da experiencia de Saudade. Verba galega das Américas (1942-1953), da que Florencio Delgado Gurriarán tamén foi parte. Nas súas páxinas dialogaron voces do exilio mexicano coas que ficaron en Galicia, tanto consagradas coma outras moi novas naquela altura.

Durante a época de conformación de Vieiros, o protagonista do Día das Letras Galegas 2022 mantivo unha especialmente proficua relación con intelectuais do exilio interior como o académico Francisco Fernández del Riego ou Valentín Paz-Andrade e estivo en contacto cos mozos do Grupo Brais Pinto.

Estes vínculos facilitaron a Delgado Gurriarán publicar a esta beira do Atlántico o seu segundo poemario, Galicia infinda (Galaxia, 1963), onde xunto a textos evocadores da matria valdeorresa sorprendeu cun interesante capítulo de “Poemas mexicanos”. Tamén na terra natal saíron do prelo os seus dous últimos volumes: Cantarenas (Ediciós do Castro, 1981) e O soño do guieiro (Ediciós do Castro, 1986). En Cantarenas, onde recolle páxinas do seu primeiro libro, pon de novo o mundo do viño no centro do seu universo poético, regresando á terra da infancia que tanto o marcou, á que homenaxeou empregando en ocasións como pseudónimo o nome Corgomófilo.

O soño do guieiro recolle igualmente poemas doutros momentos vitais, expresión xa da súa musa cívica, xa da elexíaca. O volume inclúe ademais algúns dos seus poemas sociolingüísticos, unha das facetas máis notables da súa poética. Tanto en Cantarenas como n’O soño do guieiro hai mostras elocuentes do seu talento satírico, retrate ao ditador Franco ou describa o desleixo lingüístico de certos falantes.

“Florencio Delgado Gurriarán foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega no ano 1981 en recoñecemento ao seu labor como escritor e activista cultural dende a diáspora”

Florencio Delgado Gurriarán foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega no ano 1981 en recoñecemento ao seu labor como escritor e activista cultural dende a diáspora. Faleceu en 1987 aos 83 anos de idade cando se atopaba na casa dun dos seus fillos, en California.