A Coruña | A Real Academia Galega e a Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) renderanlle homenaxe o mércores 4 de decembro a Andrés Fernández-Albalat Lois (A Coruña, 1924-2019) co gallo do centenario do seu nacemento. Baixo o título Andrés Fernández-Albalat. Arquitecto da memoria, o acto dedicado ao académico de número desenvolverase na delegación coruñesa do COAG (Federico Tapia, 64) a partir das 18:30 horas. A entrada é libre.
Defensor dunha arquitectura humanista ao servizo da sociedade, Andrés Fernández-Albalat dirixiu numerosos proxectos que o converteron nun referente imprescindible da Galicia contemporánea.
A homenaxe celebrará a pegada cultural, profesional e persoal deste mestre da arquitectura galega a través das intervencións do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; Charo e Andrés Fernández-Albalat Ruíz, fillos do académico e xefa do Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia e profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, respectivamente; o aparellador Roberto Medín Guyatt, excolaborador de Albalat; Cristóbal Crespo González, director do Departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo (DPAUC) da UDC, do que o homenaxeado formou parte; e César Portela Jardón e Myriam Goluboff Scheps, exdocentes do mesmo departamento.
O programa, organizado pola RAG e a Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, conta coa colaboración do DPAUC e asociación cultural Flor de Santiago.