A Coruña | A Real Academia Galega elixiu a Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) novo académico de número no pleno ordinario celebrado na tarde de onte. O historiador, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, ocupará a vacante producida polo pasamento da poeta Luz Pozo Garza en abril do ano pasado.
Na mesma sesión declarouse a vacante producida polo pasamento de Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG entre 2001 e 2009, e oficializouse a finalización do mandato da comisión executiva presidida por Víctor F. Freixanes. A partir deste momento comeza o proceso que conducirá á elección da nova comisión executiva nun prazo máximo de tres meses.
Lourenzo Fernández Prieto é un recoñecido historiador nas dúas grandes liñas de investigación que desenvolve: a historia agraria contemporánea e o estudo da guerra civil e do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, ocupándose das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a sociedade rural cun enfoque ambientalista. É coordinador do Grupo de historia agraria e política do mundo rural, Histagra, e dirixe tamén a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios.
“Lourenzo Fernández Prieto é un recoñecido historiador nas dúas grandes liñas de investigación que desenvolve: a historia agraria contemporánea e o estudo da guerra civil e do franquismo”
En 2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de 1936, a guerra e a ditadura de Franco na que presta especial atención á análise da memoria das persecucións, das vítimas e dos vitimarios. A través do proxecto interuniversitario Nomes e Voces, abriu unha serie de estudos que se converteron nunha referencia no campo da historiografía española e internacional do século XX.
Ao longo da súa carreira, ten sido investigador principal de máis de vinte proxectos de investigación competitivos e outros tantos convenios relacionados cos seus campos de investigación. A relación con grupos e centros de investigación de institucións españolas, europeas e americanas é outra constante do labor de Lourenzo Fernández Prieto, membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de Princeton (Oates Fellow, Council of Humanities), Cidade de Nova York (Graduate Center) ou Cork (Department of Geography). O académico electo é ademais director do Departamento de Historia da USC, onde se licenciou e doutorou con premio extraordinario, e vicepresidente da Sociedad de Estudios de Historia Agraria (SEHA). Como historiador, tamén colabora adoito en medios de comunicación, e publica semanalmente un artigo en La Voz de Galicia.
Conclusión de mandato
No pleno de onte á tarde tamén se oficializou, de acordo cos estatutos da institución, a conclusión do mandato de Víctor F. Freixanes, elixido presidente da RAG fai catro anos, o 28 de marzo de 2017. A partir deste momento comeza o proceso que conducirá á elección da nova comisión executiva nun prazo máximo de tres meses.
Segundo a normativa da institución, ata o momento da nova elección ocupará interinamente o cargo de presidente o secretario da executiva saínte, Henrique Monteagudo, a quen lle corresponde poñer en marcha o proceso electoral. A candidatura ou candidaturas á presidencia da RAG que poidan concretarse deben ser presentadas ata 48 horas antes da data que se fixe para o desenvolvemento do pleno extraordinario de elección.