A Coruña | A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Nélida Piñon Cuiñas, membro de honra da institución. A escritora, unha das grandes figuras das letras brasileiras contemporáneas , naceu en Rio de Janeiro, Brasil, o 3 de maio de 1937, filla de pais galegos procedentes de Cotobade e Carballedo (Pontevedra)
Nélida Piñon foi ademais unha figura da acción cívica brasileira e sempre reivindicou, de forma pública e reiterada, a súa orixe galega como constituínte da súa identidade persoal, expresiva e intercultural.
Licenciada en Xornalismo, formouse na Facultade de Filosofía da Pontificia Universidade Católica do Rio de Janeiro. A súa obra literaria foi recoñecida con innúmeros premios, galardóns e distincións en países latinoamericanos así como en Galicia, España, Francia ou Portugal. A xenerosidade intelectual e afectiva con Galicia de Nelida Piñon é unha constante na súa biografía, en palabras do académico Ramón Villares na resposta ao seu discurso de ingreso na RAG, titulado A épica do coraçâo.
A noticia do pasamento de Nélida Piñon ponlle un triste peche á xornada na que a Real Academia Galega celebrou o ingreso como membro de número de María Dolores Sánchez Palomino e o nomeamento como académica de honra de Kathleen March.