A Coruña | A campaña “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra” está de volta. Logo da obrigatoria paréntese provocada pola pandemia, a iniciativa de divulgación da toponimia galega, coordinada pola Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, chegará a nove concellos do país co fin de difundir a nosa riqueza toponímica e involucrar moitos colaboradores neste gran proxecto colectivo de salvagarda dos nosos nomes de lugar a través da aplicación colaborativa Galicia Nomeada.
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron esta mañá na sede da RAG a cuarta edición do programa xunto a Vicente Feijoo, o especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Academia que será o encargado de impartir as charlas previstas ata o vindeiro mes de decembro.
O presidente da RAG salientou o gran valor da toponimia galega e a importancia do seu estudo, que a Academia desenvolve a través do Seminario de Onomástica. “A toponimia é a ciencia que estuda os nomes de lugar, a memoria da nosa paisaxe e da nosa xeografía, memoria humanizada que se constrúe ao longo do tempo, de xeración en xeración, e que constitúe un patrimonio de enorme valor. Galicia é un dos espazos europeos con máis riqueza cultural neste eido, Cada metro cadrado ten nome de seu, significación histórica que marcaron os devanceiros”, destacou.
Víctor F. Freixanes referiuse tamén á necesidade de implicar o público xeral “na descuberta dun patrimonio que debe conservarse e transmitirse ás novas xeracións” e agradeceu a implicación “de tanta xente do común, particulares e institucións” nesta campaña. “Toponimízate constitúe a difusión e a socialización dunha riqueza lingüística e cultural tan importante como son os nomes da terra. Busca a colaboración e o prestixio de saber chamarlle a cada lugar polo seu nome.
É tamén un exemplo de colaboración entre administracións e unha entidade tan importante como a Real Academia Galega, coa que dende hai algúns anos estamos indo da man con este proxecto de referencia”, engadiu na mesma liña o secretario xeral de Política Lingüística.
Unha aplicación para conservar e visibilizar
As charlas de Toponimízate constan de varios bloques temáticos. O primeiro aborda a riqueza toponímica que ten o noso país e o risco que corre de perderse, e o segundo presenta o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, coa que a veciñanza pode engadir na plataforma os microtopónimos que coñeza, nomes tradicionais de veigas, chousas, leiras, devesas, fontes ou penedos que constitúen un patrimonio inmaterial único.
A aplicación conta xa, dende a súa posta en marcha en decembro de 2019, con máis de 2.200 usuarios colaboradores que compartiron preto de 31.000 nomes de lugares. As sesións de Toponimízate permiten tamén coñecer as utilidades prácticas para a administración pública, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral desta información cultural unha vez xeorreferenciada e normativizada; e conclúen cun percorrido polo significado dos nomes das parroquias e aldeas de cada concello, un apartado que conta coa colaboración do académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.
Datas programadas
A cuarta edición de Toponimízate tivo xa unha primeira cita o pasado xuño no concello pontevedrés de Marín, mais o groso da campaña desenvolverase nos vindeiros meses. A vindeira charla será este mesmo venres, 1 de outubro, en Triacastela, a partir das 18:00 horas nunha carpa municipal instalada fronte á Casa do Concello.
Triacastela (1 de outubro, ás 18:00 horas na carpa municipal instalada diante da Casa do Concello; Outeiro de Rei (15 de outubro, ás 19:00 h no Salón de actos da Casa da Cultura); Carnota (5 de novembro, ás 19:00 h no Salón de plenos da Casa do Concello); e O Irixo (12 de novembro, ás 18:30 h na Sala multiúsos da Casa do Concello) acollerán outras catro charlas presenciais nunha edición que, como novidade, tamén ofrecerá tres sesións telemáticas que serán emitidas en directo dende a canle de Youtube da Real Academia Galega e que poderán verse de maneira colectiva en distintos espazos habilitados en cada concello.
A primeira sesión por streaming terá lugar o día 18 de outubro en Ribeira e proxectarase desde as 16:00 horas no IES Leliadoura, no IES Nº 1 de Ribeira, no Centro Cultural Lustres Rivas e na Aula CEMIT. O 19 de novembro Meaño acollerá outra charla telemática que poderá verse a partir das 12:00 horas no IES de Meaño, no CEIP As Covas e na Casa da Cultura de Dena; e, por último, no Barco de Valdeorras, a charla telemática terá lugar o 23 de novembro a partir das 16:30 e poderá verse no IES Lauro Olmo, no IES Martaguisela, na Casa da Cultura e na Aula CEMIT.
Peche especial en Ortigueira
A campaña deste ano porá o ramo cunha edición especial das charlas Toponimízate o 3 de decembro no Centro para a atención de persoas maiores de Ortigueira.
A sesión concíbese como unha actividade da memoria na que a aposta polo envellecemento activo e a calidade de vida na terceira idade irá da man da recuperación da nosa toponimia tradicional, un patrimonio inmaterial de gran valor que forma parte da memoria colectiva e do que as persoas maiores son garantes esenciais.