A Coruña | A VI Xornada de Onomástica Galega estará dedicada aos nomes dos lugares no Camiño de Santiago. O encontro, coorganizado pola Real Academia Galega, a Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, achegará diversas contribucións arredor da toponimia do primeiro Itinerario Cultural Europeo cadrando coa celebración do Ano Santo Compostelán.
O programa desenvolverase o vindeiro 16 de outubro no Edificio Castelao do museo provincial. As persoas interesadas en participar presencialmente poden inscribirse xa na xornada a través do correo electrónico publicacions@academia.gal. As sesións emitiranse en directo a través de academia.gal.
Alén da súa significación relixiosa, a celebración do ano xacobeo permitirá resaltar determinadas características do Camiño de Santiago.
A VI Xornada de Onomástica incidirá no estudo dos nomes de lugares que atravesan as rutas que o conforman da man de especialistas de distintas disciplinas.
A evolución dos nomes de Gallecia e Spania ao longo da Idade Media e os nomes literarios no Códice Calixtino, a presenza da onomástica de Santiago máis alá de Galicia ou a aplicación didáctica da toponimia do Camiño nas aulas no CEIP Agro do Muíño e no IES Milladoiro son algúns dos aspectos que se tratarán nas intervencións previstas.
A xornada rematará pola tarde cunha mesa redonda en que se debaterá, dende distintas perspectivas, os estudos toponímicos do Camiño e a posibilidade de que Galicia se constitúa como centro dos estudos onomásticos en Europa.
Anselmo López Carreira, profesor da UNED; Pilar Cagiao e José María Anguita Jaén, da USC; e os docentes de secundaria Sandra Beis Silva, María Carmen Liñares e Xano Cebreiro pronunciarán os relatorios incluídos no programa coordinado pola académica electa Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez.
Na mesa redonda participarán o académico correspondente Gonzalo Navaza, o membro da Academia Xacobea Eduardo López Pereira, a antropóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC Cristina Sánchez Carretero e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.
A Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra coorganizan dende 2016 as xornadas anuais do Seminario de Onomástica da RAG.
A entidade provincial apoia ademais a publicación dos traballos presentados nestes encontros, dedicados nas edicións anteriores á microtoponimia, os nomes e apelidos, os alcumes, os nomes das rúas e os nomes comerciais.