A Coruña | A Real Academia Galega proporá á Xunta de Galicia que recolla no Nomenclátor revisado un cambio de grafía no nome da parroquia carballesa de Berdillo, ata agora escrito oficialmente con B. O Seminario de Onomástica da institución determinou, logo dun demorado e completo estudo, que as atestacións gráficas históricas autorizan a propor que pase a escribirse Verdillo, con V. O informe realizouse a pedimento do Concello de Carballo, onde entre a veciñanza é común o uso desta última grafía.
Un dos criterios que seguiu a Comisión de Toponimia para a fixación dos nomes de lugares no Nomenclátor de Galicia, publicado no ano 2003, foi a congruencia coas grafías históricas e etimolóxicas do galego común. Porén, cando a etimoloxía resulta escura, dubidosa ou controvertida, como é o caso de Verdillo, óptase, en xeral, pola grafía habitual na tradición escrita ou máis arraigada no uso actual.
Deste xeito, decidiuse no seu día manter o B- inicial, pois así era como aparecía escrito o nome nos nomenclátores precedentes dos séculos XIX e XX.
Tras a solicitude do rexedor carballés, os membros do Seminario de Onomástica decidiron profundar na grafía histórica do topónimo, malia seren conscientes da opacidade do étimo que se agocha detrás da forma actual, porque aínda que adoita emparentarse popularmente coa voz común verde, esta relación carece de probas, ao contrario do que sucede noutros topónimos galegos como O Verde, Vilaverde, Castroverde ou derivados como Verdeal, A Verdella, Verducedo, Verducido ou Verdugo.
“No caso que nos ocupa esta asociación non está demostrada, dado que non é clara a orixe lingüística da última parte da palabra, presente noutros topónimos como Arillo ou Perillo”, detalla o informe.
As pescudas recóllense nun informe onde se analizan textos notariais medievais, libros pertencentes ao arquivo da parroquia, cartografía histórica e outros documentos. Entre todos eles cobrou especial relevancia o libro de Manuel Lucas Álvarez San Paio de Antealtares, Soandres y Toques: tres monasterios medievales gallegos, que inclúe documentación correspondente ao mosteiro de Soandres, do que dependía a freguesía de San Lourenzo de Verdillo.
Ao repasaren as atestacións destes escritos, os académicos constataron que os escribas do cenobio se decantaron polo uso do V dun xeito claro: das oito concorrencias atopadas do topónimo, en seis ocasións aparece grafado con V. “Os monxes de Soandres do século XV seguramente estaban familiarizados co topónimo en latín; o feito de que maioritariamente o escribisen con V- fai supoñer que o visen escrito nos documentos en latín con U-/V-”, explica o académico correspondente e membro do Seminario de Onomástica Xosé María Lema.
Nos séculos seguintes houbo vacilacións entre B e V -sobre todo no XVI e no XVII-, dependendo moito dos cregos ou dos escribáns que redactaban. Así e todo, a escolla do V empezou a ser maioritaria no século XVIII, tanto nos libros parroquiais coma na cartografía e documentos civís máis ou menos oficiais. No XIX virouse un pouco -no mundo eclesiástico e nos nomenclátores oficiais da segunda metade- a favor do B. Desde o último terzo do XIX, durante todo o XX e o que vai do XXI, a única forma rexistrada nos libros parroquiais foi Verdillo (136 anos seguidos), malia que nos nomenclátores oficiais se escribise con B.