A Coruña | Tras ter que se exiliar en México, Florencio Delgado Gurriarán só volveu tres veces a Galicia, a primeira en 1968 e a derradeira en setembro de 1981. Foi, coma sempre, unha ocasión especial polo que significaba para el volver á terra natal, mais desta volta tamén polo recoñecemento público que mereceu.
Naquela viaxe foi recibido como membro fundador do Instituto de Estudos Valdeorreses e como membro correspondente da Real Academia Galega. O seu discurso de ingreso na RAG, conservado no arquivo da institución, lembra en primeira persoa como tivo que fuxir a México canda tantos outros que pensaban coma el, o seu agradecemento co país que acolleu tantos exiliados despois da guerra civil e tamén o labor a prol da cultura galega que, xunto a outros paisanos, desenvolveu.
O texto acaba de ver a luz na sección de publicacións de academia.gal, nunha edición especial que mantén a lingua orixinal do autor. Esta é unha das iniciativas coas que a RAG celebra a figura e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, que levará o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas á súa aldea natal, Córgomo, no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras.
Pero con el as Letras viaxarán simbolicamente tamén por primeira vez ata México para recoñecer, asemade, o traballo colectivo da diáspora naquel país que o poeta reivindicou nas palabras pronunciadas o día en que foi recibido como académico correspondente.
“Sen tencionar compararnos cos galegos de Bos Aires, capital cultural da Galiza nos anos da posguerra, cando, despois da vitoria da metade dos españois, ficou a España maltreita, a intelectualidade decimada e a fala galega ás escuras, a emigrazón galega en México tamén acendeu o seu fachiño para escorrentar as tebras culturais”, reivindicaba.
Do ‘Cancioneiro da loita galega’ á radio e as revistas
Como exemplo, o poeta e activista cultural referíase, entre outras, a iniciativas singulares como a edición por parte do Partido Galeguista de México do Cancioneiro da loita galega (1943), do que foi coordinador, editor e coautor; a fundación do Padroado da Cultura Galega en México (1953) ou, xa no ámbito da comunicación –ao que se lle prestou especial atención–, emisións de radio e as revistas Saudade (1942-1953) e Vieiros (1959-1968), escritas totalmente en galego. “Modestamente a primeira e de luxoso formato a segunda, puxeron as súas páxinas ao servizo da nosa cultura”, valoraba.
Nestas revistas e institucións traballaron homes –citaba– como Roxelio Rodríguez de Bretaña, publicista de radio e primeiro secretario xeral do Padroado, o cineasta Carlos Velo, o editor Alexandre Finisterre, o profesor Luís Soto, o arquitecto Xosé Caridad Mateo, o escultor Uxío Souto, Ramiro Illa Couto, Elixio Rodríguez, Xermán Rañó, Carlos Tomé ou o daquela xa finado pintor Arturo Souto.
Na intervención pronunciada en Valdeorras, Florencio Delgado Gurriarán quixo tamén expresar o seu agradecemento á acollida que deu a república mexicana aos exiliados españois e particularmente ao seu presidente, Lázaro Cárdenas, a quen chegou a dedicar un poema, “Nenia a Tata (pai en lingua purépecha) Lázaro”. “O noso exilio, que non nos desvencellou da Terra, foi bon para nós e para a nazón que nos acolleu. Houbo moitas e diferentes opinións encol de nós na terra anfritrioa, mais se fixésemos un inquerimento sobre eles comprobariamos que foron máis e millores as favorábeis”, reflexionaba.
Nun momento en que España se abría á democracia e pouco despois do intento golpista de Tejero, Delgado Gurriarán tamén quixo resaltar o valor da diversidade lingüística dun estado “comunidade de pobos fraternos” e “mosaico polícromo e harmonioso concerto de falas irmás”.
Serie documental
O exilio é tamén o eixe do terceiro dos cinco capítulos da serie web documental da RAG Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda, estreada este xoves. A narración audiovisual, dispoñible en academia.gal e na canle de Youtube da institución, arrinca co retrato máis próximo e íntimo dun home de carácter alegre e conciliador, amigo do baile e da música, como demostra parte da súa poesía.
O episodio 2 conta a súa entrada en contacto co galeguismo organizado e a súa participación na resistencia republicana, escribindo en páxinas como as de Nueva Galicia. Portavoz de los antifascistas gallegos, onde viron a luz, entre outros, os seus versos satíricos sobre o golpista Francisco Franco; ou implicándose nos labores de evacuación cara ao exilio de compatriotas. Os dous últimos capítulos centraranse na poesía e na lingua dun autor que proxectou o galego de Valdeorras, que é tamén motivo de reivindicación a través da súa obra nestas Letras Galegas 2022.
Micropezas e a Primavera das Letras para a infancia
A RAG está ademais a producir a serie de micropezas audiovisuais Polos vieiros de Florencio, que reúne voces de distintos ámbitos para ofrecer diversas olladas á figura do autor e á súa obra; difunde a través das redes sociais contidos como Palabras de Florencio, onde une a divulgación da poesía do homenaxeado coa difusión do léxico galego; e, xa para o público máis novo, está a convocar a comunidade escolar arredor de Primavera das Letras (primaveradasletras.gal), unha páxina web na que se pode descargar a biografía de Florencio dirixida ao público infantil que asina Ledicia Costas e ilustra Blanca Millán.
Primavera das Letras ofrece ademais fichas para colorear a vida do Florencio neno creado pola escritora e a ilustradora, actividades interactivas e vídeos con homenaxes ao poeta de alumnado da comarca de Valdeorras.
Novas edicións e un simposio
A Real Academia Galega publicará proximamente unha edición galega, ao coidado e anotada por Ricardo Gurriarán, da entrevista de Dolores Pla a Florencio Delgado Gurriarán, unha longa conversa mantida na cidade mexicana de Guadalajara no ano 1979 e conservada polo Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia de México no marco do proxecto de historia oral dos refuxiados españois.
Xa no outono, como é costume, a institución reunirá voces especialistas no simposio académico dedicado ao protagonista do Día das Letras Galegas deste ano. Tras o verán tamén se resolverá o concurso escolar Primavera das Letras.
Xa no outono, como é costume, a institución reunirá distintas voces especialistas no simposio académico dedicado ao protagonista do Día das Letras Galegas deste ano. Tras o verán tamén se resolverá o concurso escolar Primavera das Letras.