Ourense | A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense actuará en Roma no acto de canonización do Beato Juan Jacobo, natural de Piñor, da Diocese de Ourense, onde tamén interpretarán a obra inédita “Mártires de Damasco” composta para esta ocasión ao remate do acto litúrxico na praza de San Pedro que terá lugar o 20 de outubro, a partir das 10.30 horas.
A participación da Real Banda neste acto foi presentada hoxe no Pazo Provincial coa presenza do deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; o bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos; o director da Real Banda de Gaitas, Xosé Lois Foxo; a directora territorial da Consellería de Presidencia da Xunta, Beatriz Fernández; e o delegado episcopal de Peregrinacións, Óscar Martínez.
O vindeiro 20 de outubro o Papa Francisco canonizará ao beato Juan Jacobo Fernández (25 de xullo de 1808 – 10 de xullo de 1860), natural de Moire do municipio de Piñor de Cea, 216 anos despois do seu nacemento, xunto con outros dez mártires de Damasco.
Rosendo Fernández puxo en valor a traxectoria artística da Real Banda de Gaitas que estivo presente “en numerosos momentos importantes da historia en diferentes países do mundo” e, de novo, a nosa provincia terá “a mellor embaixadora posible” neste acto de canonización. Neste sentido, o deputado provincial lembrou que a Real Banda xa participou tamén no ano 2017 no acto de canonización de Faustino Míguez.
Xosé Lois Foxo fixo un repaso polas actuacións da Real Banda de Gaitas en actos organizados pola Santa Sede e cualificou esta vinculación como “unha historia de amor” entre ambas entidades. Así mesmo, xa adiantou que durante o acto interpretarán a demais desta obra inédita, o Himno da Alegría e o Himno Antergo do Reino de Galicia.
Pola súa parte, o bispo de Ourense congratulouse de que a Real Banda de Gaitas da Deputación participe neste importante acto como “buque insignia da nosa provincia” a amosou a súa “satisfacción” por ter “nese ámbito dos Santos, outro intercesor para este diocese”.
Desde a Diocese de Ourense organizan unha serie de actos para a posta en valor da figura deste “ourensán ilustre”, como dixo Óscar Martínez, que comezará cunha peregrinación a Roma na que participarán preto de medio cento de ourensáns, entre eles o bispo de Ourense e o delegado episcopal de Peregrinacións.
Ademais, desenvolverán posteriormente unha serie de actos desde o ámbito cultural para divulgar a súa vida, e outra no ámbito relixioso tanto na cidade como na súa parroquia natural de Piñor xunto a súa comunidade.