Madrid | No acto de inauguración interviñeron o delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega López, o xornalista e escritor, Javier Fernández Arribas, o coordinador de Actividades Culturais, Ramón Jiménez Pérez e a propia autora, Soledad Fernández. “Soledad transforma a realidade para revestila de alma, vida e beleza. A arte non é nada sen alma”, dixo Ónega na súa presentación, antes de ceder a palabra a Jiménez, quen contou na súa intervención cómo chegou a mostra á Casa, fai diso máis dun ano. “Presentóuseme como unha pintora madrileña filla de galegos, co que cumpría perfectamente os requisitos para mostrar os seus cadros nas nosas instalacións. Non moito despois fíxome chegar a documentación gráfica da súa obra, e quedei abraiado, máis ou menos como quen entre agora nesta Sala e se encontre de golpe con estas marabillas colgantes das paredes, como xardíns de Babilonia só que en versión cadros vestidos de nus”.
O xornalista Fernández Arribas comentou da obra de Soledad, “artista á que coñezo e quero” que ofrece con todas as técnicas, sexa óleo, pastel ou debuxo “unha realidade auténtica, natural, crible, unha beleza verdadeira, a esencia mesma, sen artificios nin photoshop”. Ela mesma díxolle, “Non pretendo sentar cátedra. Só quero que a miña obra sexa digna e ética”. Arribas coincidiu con Jiménez en resaltar a mestría da pintora para tratar as mans, un dos elementos máis difíciles de plasmar e do que moitos artistas foxen. Soledad non só non foxe, ao contrario, sae ao seu encontro e retrátaas con mimo e afecto. Como exemplo están as que forman parte da colección que Correos dedicou a “indumentaria” e que inclúen catro obras de SSoledad con mantóns. Delas, tres poden verse na mostra na Casa.
Pola súa banda, a autora quixo compartir con todas as persoas que asistiron á inauguración, “a sensación cando vin aquí por primeira vez. A acollida foi tan cordial. Sentín que este lugar formaba parte de min”. Soledad recordou á súa familia paterna, da localidade lucense de Láncara, non en van a dedicatoria do catálogo é “A Manuel Fernández Neira, o meu recordado pai que sempre soñaba en galego”, e foi o seu primeiro apoio. “eu sempre estaba cun lapis na man” e o seu pai regaloulle unha preciosa caixa de acuarelas nunha enfermidade infantil pois xa detectara a súa temperá vocación artística.
Asistiu ao taller do pintor José Gutiérrez Valle, onde pasou case oito anos aprendendo dende cómo mirar un obxecto ata cómo debuxar un corpo, e onde se familiarizou con todas as técnicas pictóricas. Tamén viaxou a Roma, Venecia e París co fin de coñecer as técnicas dos mestres e afondar nelas. En 1985 realizou unha importante exposición de paisaxes urbanas De El Escorial que presentou o escritor e gran crítico de arte Santiago Amón. Dous anos despois fixo a primeira no estranxeiro, na Sammer Gallery de Londres á que seguiron outras moitas en España e fóra: Madrid, Barcelona, Palma de Mallorca, Tenerife ou Zaragoza… Bruxelas, Amsterdam e Lisboa, e en América en varios Estados de México e de Estados Unidos, como Washington, Chicago, Nova York e Miami…
Soledad Fernández, recoñece influencia de “todos os artistas que a emocionaron, tanto clásicos coma contemporáneos; e sobre todo de Velázquez”. Dende 1983 céntrase definitivamente no corpo humano, en composicións de nus envolvidos en teas, papeis, plásticos. En palabras de Jiménez “contempla o corpo, pásao pola súa mente como por un baruto e trata de que o mesmo sentimento ou parecido o capte quen observe a obra”. No feito de “captar a esencia” tamén coincidiron ambos os dous intervenientes. “É dicir que para ela facer arte non só é quedarse unicamente coa presenza da forma senón buscar, ante todo, a esencia, o misterio que toda persoa leva dentro. Por iso Soledad é unha grande admiradora tamén de Lucian Freud, o gran pintor inglés de orixe alemá, creador de obras precisas e realistas, coñecido pola súa extraordinaria mestría na representación de figuras humanas”.
A mostra de pintura “A REALIDADE AO NU”, consta de 30 obras de diferentes formatos e permanecerá na Casa ata o día 30 de novembro.