Percibo frustración ao meu arredor. A emerxente ilusión política de hai catro ou cinco anos esfumouse. Confiouse nas instancias políticas e estas defraudaron. Posiblemente a mellor imaxe da derrota sexa a de Alexis Tsipras asinando o terceiro rescate ao día seguinte de que millóns dos seus espartanos lle dixesen que non o fixese.
Da frustración non saímos co ensimesmamento, con reproches ou autogabanzas, con desconfianzas e receos, senón con acción e atrevemento. Agora de novo terá que ser a mobilización social a que abra o camiño ao cambio político, como sempre, pero para unha nova frustración neste estado latente no que leva o noso país nas últimas catro décadas?
Un territorio fracturado pola navallada da autoestrada. A unha beira na procura da supervivencia monotemática turístico –gastronómica ou nunha das plantas de montaxe e distribución. Na outra un deserto avellado en agarda dalgún segredo mineiro agochado. Unha xente sen confianza, nin esperanza, cuns cantos resistentes agardando polo sacrificio persoal ou o momento do abandono. Unhas elites e uns medios preocupados por prolongar o tempo de encher os petos.
Os que compartimos esta basta descrición non temos moita marxe de manobra: só podemos agrupar forzas e definir obxectivos, ou permanecer na latencia da derrota de quen nin concorre á batalla. Só hai batalla se se pode gañar. Coa derrota segura fica a supervivencia, minorar os estragos ou a inmoral rexouba porque aos amigos lles foi aínda peor.
Esa permanente disputa entre os que compartimos a substancia dos diagnósticos e dos tratamentos só é explicable en termos freudianos. Persoais, xa que logo, inútiles para calquera proxecto de transformación social e moito máis en situación extrema. E a nosa, a de Galicia como país e as súas clase populares éo, mesmo con ameaza de extinción das xentes, do territorio e da cultura propia. Estamos precisos dunha ampla conxunción de forzas nun proxecto de salvación nacional-popular.
Non confío moito, mellor dito, nada, en que, entre elites que deciden sobre as precisas forzas a conxugar, haxa a máis mínima intención de considerar esta posibilidade. Así que só cabe agardar, con ilusión de iluso, a que a mobilización social llela acabe esixindo e as bases desas forzas impoñendo a través da rebelión, dunha rebelión cívica interna para crear unha desobediencia social construtiva que permita inverter o proceso de exterminio.
Temos uns meses para facelo e poder ir á batalla en 2019. Hai gañas de facelo?
Estou seguro que agrupación e obxectivos podíanse acordar simplemente tomando un café, por exemplo entre Luís Villares, Ana Pontón, Martiño Noriega e alguén máis que o desexase. O café págoo eu.