A recuperación de soutos e castiñeiros de Nogueira de Ramuín axudará a manter o sistema agroforestal

Proxecto Transformación bioeconómica forestal mediante a recuperación do bosque avellentado

Ourense | Jacobo Aboal, director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), subliñou que o proxecto de recuperación de soutos e castiñeiros do Concello de Nogueira de Ramuín axudará a manter o sistema agroforestal do interior de Galicia.

Aboal participou na presentación do proxecto Transformación bioeconómica forestal en Nogueira de Ramuín mediante a recuperación do bosque avellentado para o seu axeitado aproveitamento, onde destacou a dilatada experiencia do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán na caracterización molecular de variedades de castiñeiro e que agora participará nesta iniciativa que identificará as variedades de castaña que existen e determinará cales son as máis axeitadas para a súa recuperación e aproveitamento.

O director apuntou ademais que o proxecto axudará a conservar o patrimonio natural e poñelo a disposición da cidadanía; rescatar o patrimonio xenético dos soutos e castiñeiros; e garantir que as futuras plantacións sexan resistentes e sustentables.

Finalmente, Jacobo Aboal sinalou que os resultados contribuirán a un uso sustentable dos recursos xenéticos forestais, o desenvolvemento económico de Nogueira de Ramuín e da súa área, e un maior emprego verde.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.