Tui | Establecer a prioridade peonil, mellorando a calidade xeral, e garantindo a accesibilidade universal serán os obxectivos dos proxectos que se van redactar na Avenida da Concordia e en Areas.
Para a súa redacción o Concello de Tui recibirá unha subvención de 48.460,50 euros da Deputación de Pontevedra coma concello pertencente á Rede Ágora dentro da convocatoria para a redacción de proxectos de recuperación de espazos públicos e creación de sendas peonís e/ou ciclables.
Así o Concello de Tui destinará 32.670 € á redacción do proxecto para o acondicionamento da conexión entre o río Miño e a PO-552 a través da igrexa de Santa Mariña de Areas. A Deputación subvencionará o 90% do investimento previsto que ascenderá 29.403€.
Actuarase nunha superficie de 4.721,52 m2 para acondicionar a conexión do centro do núcleo da parroquia de Areas, a carón da igrexa de Santa Mariña, até a ribeira do río Miño.
O actual camiño asfaltado e sen beirarrúas transformarase cunha plataforma a nivel de uso mixto, con zonas pavimentadas con lousa, adoquín de granito u formigón lavado e zonas verdes, integrando o arborado existente e introducindo novas zonas con elementos vexetais. O proxecto a redactar deberán contemplar tamén a dotación de mobiliario urbano e iluminación. A superficie de uso peonil incrementarase en 1.129,01 m2 o que supón un 223%
Por outra parte para a redacción do proxecto de acondicionamento da Avenida da Concordia no tramo dende o Paseo da Corredoira até a rúa Mártires de Sobredo o Concello ten previsto investir 21.175€ dos que a institución provincial aportará 19.057,50€, o 50% do total. Actuarase nunha superficie aproximada de 7.802,46 m2 dende o cruzamento da Avenida da Concordia co Paseo da Corredoira, até o cruzamento coa rúa Mártires de Sobredo.
Trátase dunha das vías principais de acceso ao centro urbano, e na que se atopan equipamentos coma o CEIP nº2, o IES Indalecio Pérez Tizón, e o Conservatorio Profesional de Música. Prevese incrementar a superficie peonil en 1.505,06 m2, o que supón un 64,6%.
O proxecto establecerá prioridade peonil, mellorando a calidade tanto dende o punto de vista arquitectónico como ambiental. Os espazos proxectados estarán deseñados de xeito que garantan a accesibilidade universal e devolvan o uso principal do espazo público aos peóns, doten de espazos seguros e amables de estancia aos maiores e faciliten o seu uso por nenos e nenas de xeito autónomo, a causa do cambio de prioridades de mobilidade e as limitacións de tráfico e velocidade.