Ourense | O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá a reunión de seguimento da Rede Provincial de Espazos Culturais e da programación coordinada de actividades a nivel provincial (REAOU) na que se informou das actuacións levadas a cabo ao longo do ano e tamén se aprobou a prórroga deste programa de cooperación para o exercicio 2024.
Na xuntanza, liderada polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, tamén estiveron ademais do deputado de Cultura, César Fernández, representantes dos concellos integrantes deste programa que continúa a medrar e que actualmente conta con 51 concellos da provincia.
A Rede levou a cabo un total de 97 actuacións nos distintos espazos habilitados da provincia chegando en total a máis de 10.000 espectadores, cifra que acredita o interese que existe polas distintas actuacións, así como a súa capacidade para dinamizar os territorios que as acollen.
A Deputación de Ourense, tal e como se deu conta na xuntanza, destinou este ano un orzamento de 150.000 euros para cofinanciar os espectáculos culturais celebrados nos diferentes concellos que integran a REAOU.
Así mesmo, cabe destacar que neste 2023 incorporáronse á mesma dous novos concellos: Beade e Xunqueira de Espadanedo, chegando a estar a día de hoxe conformada polo 56% dos municipios da provincia.
A Rede Provincial de Auditorios nace no ano 2017 co obxectivo de servir de elemento dinamizador e vertebrador no ámbito da cultura na provincia de Ourense e, para elo, a Deputación comprométese así a cofinanciar as actuacións que se desenvolvan baixo o paraugas deste programa. Ao mesmo tempo, esta iniciativa serve para incrementar a actividade da oferta cultural destes espazos municipais (auditorios, salas multiusos, centros socioculturais, teatros, entre outros).