A rede de centros de atención a maiores en Ourense ampliarase en 375 prazas

Son seleccionadas 16 propostas de concellos con menos de 20.000 habitantes

Ourense | Alfonso Rueda, presidente da Xunta, anunciou a colaboración entre o Goberno galego e a Deputación de Ourense para destinar máis de 14 millóns de euros –12 M€ a Administración autonómica e 2,3 a provincial– á construción, reforma e ampliación de centros de atención a maiores na provincia.

En palabras do presidente, “temos unha poboación que demanda este tipo de servizos” e “a aportación da Deputación foi decisiva”.

A provincia de Ourense, grazas á colaboración activa da Deputación no financiamento dos centros, será a máis beneficiada deste plan, sendo seleccionadas 16 propostas de concellos menores de 20.000 habitantes –Avión, A Bola, Carballeda de Avia, Chandrexa de Queixa, A Gudiña, Laza, Manzaneda, Os Blancos, A Peroxa, Piñor, Ramirás, Trasmiras, Teixeira, Verea, Vilamarín e Xunqueira De Ambía–.

Máis prazas públicas
Dende o ano 2009, a Xunta triplicou a oferta de prazas públicas para maiores, pasando de 5.500 a máis de 15.000 dispoñibles. Este novo plan de investimentos enmárcase dentro do compromiso do Goberno galego de crear 1.000 novas prazas públicas de residencia e de atención diúrna para maiores e persoas con discapacidade nos primeiros 100 días de mandato.

Neste sentido, Rueda resaltou que “estámolo cumprindo” e que é un motivo de alegría que “unha parte importante dese cumprimento sexa en colaboración coa Deputación e cos concellos de Ourense”.

O traballo conxunto nesta liña ten o obxectivo de garantir que a xente en Galicia “teña unha boa calidade de vida” independentemente do seu lugar de residencia.