A Residencia de Artistas pulsa o momento político en Ponteareas

A súa inauguración foi contestada por unha concentración convocada polo Ateneo Amado Garra

Ponteareas | A Residencia Artistea é a extensión da UNED, un proxecto “ilusionante” en palabras da Alcaldesa Nava Castro, botou a andar este 26 de outubro o edificio da Praza Maior cunha inauguración que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; do presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López; do director do Centro Asociado da UNED Pontevedra, Víctor Manuel González Sánchez, así como varias Alcaldesas e Alcaldes da comarca do Condado, destacando Salvaterra de Miño, As Neves, O Covelo, Mondariz e outros representantes políticos e institucionais.


Ao mesmo tempo, e con varios lemas como “S.O.S. Centro Cultural na vila xa” e “ Centro Cívico para toda a xente e non uns poucos” ás aforas do edificio da Praza Maior realizouse unha concentración de protesta convocada polo Ateneo Amado Garra, e que contou coa presenza de representantes locais do BNG, o PSdeG, PEC así como da  veciñanza, asociacións e colectivos que esixen que o edificio rehabilitado na Praza Maior se destine ao centro sociocultural proxectado en beneficio de toda a poboación, a mocidade e asociacións, tal e como foi aprobado e estipulado coa recepción dos fondos europeos EDUSI durante o anterior goberno municipal BNG-PSdeG no Concello.

No acto de inauguración, Nava Castro defendeu a iniciativa de Artistea e da UNED como “un motor fundamental para o desenvolvemento de Ponteareas” a través da cultura e da formación.
A Residencia contará con pensión, habitación, aseos e cociña para que dez artistas seleccionados baixo unha convocatoria poidan desenvolver as súas respectivas obras e iniciativas culturais. O edificio tamén acolle o espazo de estudo da UNED onde se impartirán diversos cursos de formación. As habitacións están nomeadas con diversas figuras insignes da Comarca como Rogelio Groba ou Reveriano Soutullo.


A música, un signo distintivo de Ponteareas, estivo presente coa actuación do trío de trompetistas da Banda Xuvenil de Xinzo, que interpretou pezas de compositores como G.F. Händel, Frank Eriksen e André Waignein.
No final do acto o presidente Rueda foi agasallado pola Alcaldesa Nava Castro cunha lámina do artista ponteareán Alfonso Pexegueiro, en recoñecemento ao apoio da Xunta en canto á creación de Artistea e da sede local da UNED.


A Residencia de Artistas supón un termómetro clave para medir o pulso político que actualmente se vive en Ponteareas, condicionado pola polarización entre goberno, oposición e colectivos veciñais en torno á ubicación de Artistea, os fondos europeos utilizados e a proposta inicial de creación dun Centro Cívico, do que carece o municipio.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.