Celanova | Na Residencia San Carlos de Celanova, un ano despois de que estoupara a crise da COVID que entre marzo e abril provocou 11 mortes entre as usuarias (9 delas oficialmente a causa do virus) o servizo de enfermaría segue sen cubrir as 24 horas de cada xornada, a dotación de atención especializada segue estando por baixo do que marca a lei e a ratio de persoal de atención directa tamén é insuficiente.
Familiares de residentes agrupadas en ADUR e na Federación Vellez e Dignidade veñen advertindo desde hai un ano que é preciso reforzar o persoal de enfermaría. Non se fixo. E a Residencia, que pasou 30 días sen enfermeira ningunha durante as peores semanas da crise, só garante hoxe a atención de ATS durante 64 horas á semana; é dicir, deixa sen cubrir o 61,9% da semana.
O centro que alberga 60 residentes, segundo a información da que dispoñen as familias, máis da metade dependentes, aínda que polo que se atopou a última inspección non todos están declarados como tais. Con estas cifras, a ratio de ATS na Residencia San Carlos é de 0,06, cunha enfermeira titular durante 40 horas á semana e outra ao sesenta por cento da xornada que cubre 24 horas. O resto, non hai servizo e a atención estase a cubrir por persoal non especializado. Desde que a enfermeira suplente dimitise hai un ano en pleno brote, xa pasaron outros tres profesionais por ese posto.