O Carballiño | Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, visitou aos mozos e mozas de entre 10 e 13 anos que participan na segunda quenda do campamento Streamers polo cambio da Xunta de Galicia e que se está a celebrar na Residencia de Tempo Libre do Carballiño.
Durante a súa estancia, os mozos e mozas contan cunha completa programación que xira arredor do mundo influencer, da creación audiovisual e dos videoxogos. Cristina Pichel visitou aos rapaces desta segunda quenda e destacou a importancia de achegar á mocidade as vantaxes das redes sociais desde un uso responsable.
Ademais, os 45 participantes desfrutan de outras actividades de lecer relacionadas coa natureza e ao aire libre e tamén coa comunicación oral e a expresión corporal. Deste xeito, as mozas e mozos estarán desfrutando deste campamento no que a tecnoloxía é a protagonista ata o vindeiro luns 18.
Esta iniciativa forma parte da maior campaña de verán posta en marcha pola Xunta de Galicia. Baixo o lema O verán que queres contar, póñense a disposición da xuventude de todas as idades máis de 10.800 prazas. Con esta proposta, o Goberno galego ofrece á xuventude a posibilidade de empregar o seu tempo libre estival participando en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo ou formativo.