Allariz | A Xunta de Galicia achegará un total de 250.000 euros para redactar a revisión do Plan especial de protección do casco histórico (Pepch) de Allariz, aprobado en 1995 e cuxa finalidade é garantir a protección desta zona con medidas orientadas a lograr que permanezan activas, conten con servizos e revitalicen as vilas nas que se atopan a través da aposta pola rehabilitación.
Segundo o convenio asinado entre a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Cristina Cid, o departamento galego asumirá o 100% do custo da revisión e actualización do Pepch, un paso que o Concello estaba obrigado a dar en virtude da Lei de patrimonio cultural de 2016 para poder seguir exercendo as súas competencias de autorización de novas intervencións neste ámbito.
Co obxectivo de que o novo plan poida ser aprobado antes que termine 2023, Vázquez Mejuto enmarcou o compromiso adquirido hoxe pola Xunta na necesidade de garantir a “máxima protección e ordenación” dos casos históricos das vilas e cidades galegas, algo que implica tamén beneficios socio-económicos non só para a veciñanza senón tamén para o conxunto da sociedade grazas á posta en valor destes espazos.
“O compromiso adquirido (…) pola Xunta na necesidade de garantir a ‘máxima protección e ordenación’ dos casos históricos das vilas e cidades galegas”
De feito e tendo en conta os inconvenientes que suporía desde o punto de vista da xestión municipal que este tipo de instrumentos perderan a súa vixencia, cómpre lembrar que desde 2019 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva comprometidos máis de 800.000 euros co fin de actualizar e adaptar ao marco normativo vixente os plans dos cascos históricos de Betanzos, Corcubión, Mondoñedo e agora tamén de Allariz.
De igual xeito, cómpre lembrar que co fin de axudar aos municipios a garantir a máxima protección así como a recuperación das súas zonas monumentais, no ano 2010 a Xunta convocou por primeira vez axudas dirixidas de forma específica á protección destes ámbitos en concellos pequenos e que aínda non contaban cun plan especial.
“Non pode haber escusas á hora de protexer o noso patrimonio, nin económicas nin técnicas”, subliñou a conselleira, que enmarcou neste obxectivo a necesaria “colaboración entre as administracións” autonómica e local á hora de promover ou revisar, en caso necesario, os plans especiais de protección das zonas históricas.
A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, incidiu na súa comparecencia en que a firma deste convenio “supón un paso máis na posta en valor” do casco histórico do municipio e permitirá “seguir conxugando o uso residencial, o comercial e os espazos verdes e de lecer para goce da veciñanza”.