Ourense | A romaría etnográfica Raigame regresa presencialmente a Vilanova dos Infantes o próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas, con todas as súas habituais actividades lúdicas e culturais dedicando a súa XIX edición á figura do médico rural, coa entrega a título póstumo do premio “Adolfo Enríquez” a José Gómez Vázquez, que fora médico de Vilanova e presidente da banda de música da localidade.
O programa da romaría foi presentado esta mañá no Pazo Provincial coa presencia do deputado de Cooperación, Pablo Pérez; o alcalde de Celanova, Antonio Puga e Xavier Álvarez, membro do Centro de Cultura Popular (CCP) Xaquín Lorenzo e secretario da revista “Raigame”.
Pablo Pérez mostrou o seu orgullo polo regreso presencial dunha romaría declarada Festa de Interese Turístico de Galicia “que converte a Vilanova na capital da cultura galega, poñendo en valor os nosos oficios tradicionais e a propia vila”.
Agradeceu ademais o traballo de todas as persoas implicadas na preparación do evento, organizado pola Deputación de Ourense -“co imprescindible e excelente traballo do CCP Xaquín Lorenzo”- e o Concello de Celanova, que permitirá a Vilanova “lucir as súas mellores galas”. Para a institución provincial, sinalou, esta cita etnográfica “é un dos piares fundamentais para celebrar a festa das letras galegas, e con ela a cultura de Galicia, unha das liñas estratéxicas da acción do noso goberno”.
Antonio Puga, destacou a boa sintonía entre as institucións local e provincial para facer posible esta romaría e o labor conxunto dos traballadores de ambas entidades. Para o rexedor municipal “é un orgullo poder celebrar o meu primeiro Raigame, xa que durante este mandato non tiven ocasión de desfrutalo como alcalde debido á situación sanitaria”.
Dende o ano 2002 que comezou esta “maneira diferente de celebrar a galeguidade e as tradicións”, pasaron moitas persoas por Vilanova e outras moitas participaron na súa organización, lembrou, pola súa banda Xavier Álvarez.
Durante a presentación tamén se deu a coñecer o premio honorífico “Adolfo Enríquez”, en memoria do párroco de Vilanova, que na edición de 2022 será entregado aos descendentes de José Gómez Vázquez, antigo médico da vila e no que se personifica o traballo que o longo da historia vén realizando no rural os profesionais sanitarios.
O galardón, que inclúe unha escultura da torre de homenaxe da vila realizada polo artista Leandro Sánchez -presente na presentación da romaría-, recoñece tamén a colaboración activa que dende a primeira edición veñen demostrando os familiares do médico na organización da romaría.
Unha viaxe a comezos do século XX
Dende as 11,00 ata as 19.00 horas, Vilanova acollerá, ademais dos tradicionais postos artesanais, actividades de gastronomía, música, baile e teatro de rúa que permitirán viaxar a comezos do século XX, mostrando ademais os oficios da época e mesmo recreando a sociedade do momento a través da vestimenta.
Oficios como teares, fotógrafos, xoieiros, vidreiros, talleres de música tradicional, carpinteiros e zapateiros entre moitos outros, ambientarán as rúas da vila na que se darán tamén cita grupos de música, baile e teatro procedentes de diferentes lugares como Vedra, Monforte e León, ademais de agrupacións ourensás.
Deste modo as rúas de Vilanova volverán encherse de artesáns de oficios tradicionais e cultura popular, situando a esta vila celanovesa como punto de encontro da etnografía galega dous anos despois da última edición.