MONFORTE DE LEMOS | A Concelleira de Cultura, Marina Doutón, e o coordinador do terceiro festival cómico festivo “A Rúa é Vosa”, Aitor Rei, presentaron esta mañá na Casa do Concello o cartel e o programa de actividades, que se desenvolverá entre o 12 e o 16 de agosto.
“O festival cómico festivo ofrece desde mañá 14 funcións para tódolos públicos”
Marina Doutón expresou a súa ledicia porque “as rúas estean cheas de vida estes cinco días con este programa de actividades” e destacou a variedade da oferta de espectáculos, que inclúe un festival pensado para tódolos públicos.
Pola súa parte, Aitor Rei explicou que a terceira edición deste festival que nos anos anteriores conseguiu un grande éxito en Monforte, mestura distintos tipos de espectáculos: o circo, a acrobacia, os monicreques, a danza e todo co nexo común do humor. “A Rúa é Vosa sempre se caracterizou por levar ó público algo divertido, tanto a quen circula pola rúa buscando a función como a quen se atopa con ela de sorpresa. Pretendemos que sexa divertido porque cremos que as festas son para que a xente o pase ben e se evada da vida cotiá”. Recalcou tamén a idoneidade das producións deste ano, aptas para público infantil e adultos.
Sete funcións en sesión dobre de mañá e tarde
“A Rúa é vosa” abre a terceira edición este mércores ás 12:30 horas na Praza de España coa compañía “Kanbahiota” que representará o espectáculo Vaia Circo con tres personaxes circenses. Pola tarde, ás 20:30 horas, no mesmo escenario poñen en escena elementos novidosos e espectaculares como os portes coreanos, os mastros chineses, clown… nunha proposta de acrobacias aéreas e risas.
O xoves 13 haberá dúas propostas: a compañía Circo Cair cun espectáculo circense protagonizado por catro personaxes que realizan coreografías acrobáticas, excéntricas, con golpes e caídas caóticas que contrastan con coreografías máis visuais de danza e malabares, nas que o absurdo, o sinxelo e o universal están presentes nas rutinas do circo. As funcións son ás 12:00 na rúa do Cardeal e ás 20:30 na Praza de España. En segundo lugar, ás 13:00 horas do mediodía e ás 19:30 horas da tarde, Títeres Alakrán ofrece a súa función de monicreques de cachaporra tradicional na que recuperan o personaxe galego máis popular do teatro de monicreques dos anos cincuenta: Barriga Verde. As dúas función serán na rúa do Cardeal.
Títeres Mercromina chega a Monforte o venres día 14 de agosto con “Vacacións no mar”, un espectáculo de monicreques de luva adaptados ó público actual. Haberá sesión dobre ás 12:00 da mañá e ás 19:30 horas do serán. A outra representación do venres vén da man Do clown Nono que ofrecerá un espectáculo tenro con moito humor no que combina o mimo, os malabares e o clown, todo aderezado cun chisco de loucura. Ás 13 horas no Cardeal e ás 20:30 na praza de España.
“A Rúa é vosa” bota o peche en Monforte o domingo 16 de agosto coa compañía Circo Chosco que representa, na rúa do Cardeal ás 12:00 e na praza de España ás 19:30 horas, un número sen fala no que mestura comedia e circo con acrobacias, malabares, técnicas de portes e equilibrios. A última proposta é a da compañía Malabreikers que cos personaxes de Tornillo e Beto, un dos mellores acróbatas de Europa, ofrecen unha representación fresca e descarada con acrobacias e malabares incribles. Ás 13:00 horas no Cardeal e ás 20:30 horas na praza de España.
O programa do festival inclúe sete espectáculos que se ofrecen en 14 representacións, con sesións de mañá e tarde e que contan cun orzamento de 16.992 euros, subvencionados pola Deputación de Lugo.