Cadernos da viaxe
A fronte do unionismo español sobarda todas as medidas posíbeis de centralismo e desprezo pola personalidade nacional de Galicia. Vox quere suprimir a limitada autonomía do noso Estatuto e Cs quere que o Congreso estatal aprobe unha proposición non de lei abertamente inconstitucional, pois que propón suprimiren o termo “nacionalidades” no artigo 2 da Constitución, para que só fiquen nel recoñecidos como rexións os territorios todos do Estado. Tamén Galicia.
O termo “nacionalidades” na vixente Constitución de 1978 refírese só ás nacións (Galicia, Euskadi e Catalunya) que plebiscitaron afirmativamente cadanseu Estatuto de Autonomía antes de que chegase a terríbel represión franquista.
A Disposición Transitoria Segunda da Constitución recoñeceu, en clara conexión coa devandita definición, o dereito de Galicia, Euskadi e Catalunya a aprobaren un Estatuto ao abeiro dun sistema bilateral, paccionado, no que cadansúa Asemblea de Parlamentarios aprobou un proxecto e o negociou de ti a ti coa Comisión Constitucional do Congreso, no canto do sistema de aprobación dos outros Estatutos, nos que as Cortes Xerais tramitaban cadansúa proposta case como a de calquera lei orgánica.
“As forzas políticas unionistas e, nomeadamente o deep state do lobby construtor-concesional, das grandes distribuidoras eléctricas e bancos e dos altos corpos da Administración civil e militar turraron por aguar este café autonómico das nacións sen Estado”
Sucedeu que as forzas políticas unionistas e, nomeadamente o deep state do lobby construtor-concesional, das grandes distribuidoras eléctricas e bancos e dos altos corpos da Administración civil e militar turraron por aguar este café autonómico das nacións sen Estado para repartir un cativo café para todos, a medio dun moi matinado programa lexislativo que igualou competencias por abaixo a medio da garantía estatal de cumprimento do Dereito europeo, as transferencias ás Comunidades de vía lenta para igualar os teitos acadados polas nacionalidades e do abuso de cláusulas xurídicas usadas reviradamente, como a unidade de mercado, a igualdade de dereitos entre os cidadáns ou os alicerces e coordinación da política económica estatal. Cóctel múltipel que foi abenzoado, unha vez si e moitas outras tamén, por ese tan caseiro árbitro que é o Tribunal Constitucional.
Hoxendía é evidente que as forzas políticas recentralizadoras (PP, Cs, Vox, PSOE e non poucas persoas encadradas en UP e satélites), canda o reaccionario Estado profundo están a liquidar o autogoberno-e financiamento- das nacionalidades, rachando o pacto constitucional que os garantía nun plano de bilateralidade Galicia-Estado.
Deste xeito, o réxime do autogoberno que a Constitución e o Estatuto lle recoñeceron ao noso País ficou desnaturalizado. Velaí que o vindeiro Estatuto galego terá de xurdir doutros alicerces constitucionais. Doutros bimbios xurídico-políticos.