Algo debe estar cambiando no Kremlin que altera os seus plans iniciais previstos trala invasión militar a Ucraína de febreiro pasado. Lonxe de supoñer o final do conflito, a recente ofensiva militar de Kiev implica observar que a iniciativa da eufemisticamente denominada como “operación militar especial” por parte do Kremlin xa non está nas mans dun Vladímir Putin a priori debilitado e cada vez máis cuestionado.
“Algo debe estar cambiando no Kremlin que altera os seus plans iniciais previstos trala invasión militar a Ucraína”
Mentres as presións aumentan contra o entorno de poder de Putin, ben sexa para declarar abertamente a guerra á OTAN e a Ucraína, ben para por fin ao conflito, comezan a observarse algunhas expectativas por parte de Moscova de reducir esas tensións e abrir canais de negociación.
Esta nova realidade redimensiona os imperativos xeopolíticos rusos poñendo cada vez máis o foco en China, o seu principal aliado, pero tamén atendendo o cada vez máis convulso espazo euroasiático, a tradicional “esfera de influencia” moscovita que comeza a darlle ás costas e contemporizar ese predominio ruso precisamente ante a crecente presenza de novos actores como China, Turquía e Irán.
Con todo, este contexto trazado pola ofensiva militar Ucraína-OTAN contra posicións rusas tamén abre o compás dunha posible diminución das tensións e de eventualmente “resetear” as relacions ruso-europeas, moi condicionadas polo aspecto do subministro enerxético. Toda vez, Moscova tenta acelerar os referendos soberanistas de adhesión no Donbás e Jersón a fin de non perder posicións estratéxicas ante a ofensiva de Kiev.
As recentes conversas de Putin co chanceler alemá Olaf Schölz dan a entender a posibilidade dun entendemento ao marxe da traxedia ucraína, motivado pola dependencia enerxética. Suporá isto unha posible nova etapa nas relacións ruso-europeas? Como observan Washington e Bruxelas esta realidade cando Biden anunciou no cumio de Madrid a “otanización” de Europa?
Comecemos polos cumios. A semana pasada a cada vez máis influente Organización de Cooperación de Xangai (OCX) realizou o seu cumio en Samarcanda (Uzbekistán), histórico paso da Ruta de Seda por Asia Central trazada polos chineses dende fai séculos. En Samarcanda, Putin reuniuse por vez primeira co presidente chinés Xi Jinping dende a invasión a Ucraína. Tamén estaba,entre outros mandatarios, o presidente indio Narendra Modi, outro actor chave para Rusia e China no marco dos BRICS.
Se ben Xi e Modi amosaron a súa “preocupación” pola guerra ucraína de Putin especialmente en materia de seguridade e de relacións económicas globais, o cumio da OCX fortaleceu un eixe ruso-sino-indio que implica a revitalización de Eurasia e o seu peso na xeopolítica global
A isto debe engadirse Irán, aceptado como novo membro da OCX, e Turquía, un membro da OTAN que xa anunciou que aspira ao seu ingreso neste organización euroasiática. Ante as tensións in crescendo con Occidente, Putin sabe que este eixe eurasiático supón un “salvavidas” económico e un equilibrio político nun momento en que as sancións occidentais eventualmente poden aumentar o seu efecto punitivo na economía rusa.
Non obstante, o contexto euroasiático complica os imperativos xeopolíticos rusos na súa tradicional “esfera de influencia”. A reanudación do conflito armenio-azerí e as tensións limítrofes entre Kirguizistán e Tadxikistán colocan a Putin nunha situación delicada toda vez comeza a perder iniciativa no conflito ucraíno. Todo isto sempre (e non debemos esquecer) á espera de cal será a resposta do Kremlin trala ofensiva militar de Ucraína-OTAN.
Armenia pediu a Moscova activar a Organización do Tratado de Cooperación de Seguridade Colectiva (OTCS), unha especie de “OTAN euroasiática”, un instrumento dominado por Rusia para establecer o seu predominio neste espazo ex soviético. Con anterioridade, Moscova activou a OTCS na crise de Kazajstán en xaneiro pasado pero agora Rusia vese atrapada polo conflito ucraíno, con menos marxe de manobra para resolver as crises armenio-azerí e kirguizo-tadxiko.
Incluso, o Kremlin observa cómo Washington penetra na súa área de influencia euroasiática. A recente visita a Armenia da presidenta do Congreso estadounidense Nancy Pelosi indica esa “tenaza” que EE.UU e a OTAN están deseñando para illar a Rusia, un aspecto similar á “provocadora” visita de Pelosi a Taiwán en agosto pasado que causou obvia irritación en China, o “salvavidas” ao que o Kremlin se aferra cada vez máis.
Visto o visto, queda claro que a visita de Pelosi a Armenia é igualmente “provocadora” contra os intereses do Kremlin, socavando a capacidade rusa para resolver este conflito. Toda vez debemos calibrar en qué medida a influente diáspora armenia en EE.UU está igualmente trazando esta visita de Pelosi a Armenia, toda vez Rusia non se ve con capacidade efectiva de atender as demandas do seu aliado armenio.
“En Samarcanda, Putin recibiu un necesario “toque de atención” por parte de China e India toda vez observa que as tensións euroasiáticas comezan a espallarse claramente contra os seus intereses xeopolíticos”
En Samarcanda, Putin recibiu un necesario “toque de atención” por parte de China e India toda vez observa que as tensións euroasiáticas comezan a espallarse claramente contra os seus intereses xeopolíticos. Neste novo contexto, o presidente ruso sabe que a súa particular “Ruta da Seda” implicaría reducir as tensións con Occidente e buscar un arranxo á desfeita ucraína.
Se ben é perceptible o momento de debilidade de Putin, está moi lonxe de verse derrotado. Aínda ten aliados, recursos e capacidade de manobra para dar un “golpe de timón” tan inesperado como a ofensiva militar Ucraína-OTAN.