Os símiles históricos soen ser simbólicos, moitos deles definidos por un final de era. O retorno do Talibán ao poder en Afganistán e, principalmente, as esceas de caos en Kabul ante o avance das súas milicias, ten sido comparado nestes días nos mass media coa caída de Saigón en 1975 durante a guerra de Vietnam.
Pero a lección afgá é diferente da vietnamita, quizáis non tan crúa como a que manifestaba o cineasta Oliver Stone nos seus filmes. En dúas décadas de intervención en Afganistán, EE.UU non foi quen de reconstruír e fomentar “a liberdade e a democracia” nun país devastado por varias décadas de conflito, que comezaron en 1980 coa invasión soviética e continuaron entre as diferentes milicias armadas, nas que o Talibán amosou ser a mais efectiva. A retirada estadounidense de 2021 foi mais caótica e vergoñenta que a de Saigón, toda vez é comparativamente peor que a ordenada retirada soviética de Afganistán en 1989.
EE.UU non foi quen de “reconstruír Afganistán” a pesares dos mil millonarios investimentos enfocados en manter en Kabul un goberno afín e monicreque, vía OTAN e ONU, e co apoio da maior parte da comunidade internacional. Por recursos non foi, pero adoeceu da necesaria modestia para entender o territorio que pisaba e o contexto que afrontaba.
“EE.UU non foi quen de ‘reconstruír Afganistán’ a pesares dos mil millonarios investimentos enfocados en manter en Kabul un goberno afín e monicreque, vía OTAN e ONU”
Esta perspectiva de “procrear democracias” que definiu a Pax Americana durante a “post-guerra fría” hoxe simbólicamente sepultada en Afganistán, tamén fracasou en contextos tan disímiles en chave xeopolítica pero similares en canto ás complexidades das transicións de conflitos, tal e como puido observarse en casos anteriores de intervencións estadounidenses, sexan unilaterais ou vía OTAN e ONU, dende Somalia e Cósova ata Haití, Iraq e Libia.
O retorno do Talibán ao poder en Afganistán é tamén simbólico porque ocorre en perspectiva histórica: o próximo 11 de setembro celebrarase o 20º aniversario do ataque as Torres Xemelgas en Nova York, incidente que levou á guerra de Bush en Afganistán en outubro de 2001. Nese momento, e posteriormente en Iraq, unha guerra tan ilegal como ilexítima, Bush prometeu un plan para o “Gran Oriente Medio” presentado en 2004 e que prometía levar a democracia no mundo islámico, de Marrocos a Afganistán. O retorno Talibán ao poder no país centroasiático revela o fracaso desa Pax Americana de Bush e dos seus sucesores Obama, Trump e Biden. Unha humillación militar histórica incluso por riba da que recibiu en Vietnam.
“O que sucede actualmente en Afganistán implica tamén observar un reposicionamento do equilibrio xeopolítico non só rexional senón tamén global”
O que sucede actualmente en Afganistán implica tamén observar un reposicionamento do equilibrio xeopolítico non só rexional senón tamén global, e que explica igualmente que EE.UU, a diferenza do que pretendía en 2001, non é a superpotencia unilateral que todo o soluciona. Os EE.UU de 2021 saben que o mundo do século XXI ten cariz cada vez mais euroasiático, con China como epicentro de poder. Un mudanza histórica do poder global do Atlántico cara Asia, progresiva pero firme, e que simbolicamente viuse agora manifestada no que sucede en Afganistán.
Na súa alocución á nación trala caída de Kabul, Biden tentou cinicamente eludir responsabilidades. A súa falta de previsión e de iniciativa ante a posibilidade do retorno Talibán foi tan significativa como os erros da intelixencia estadounidenses antes do 11/S, un aspecto que confirma a falta de competencia prospectiva, a pesares dos millóns de dólares investidos en seguridade.
Por outra banda, a humillante retirada estadounidense de Afganistán e o retorno do Talibán definen igualmente un reequilibrio estratéxico: EE.UU queda agora practicamente fóra de Asia Central, escenario chave para os proxectos de poderío global que impulsan China e Rusia, concibidos en canto á perspectiva de procrear un eixe euroasiático que rivalice á hexemonía atlantista vía EEUU e OTAN, coa Unión Europea como “convidado de pedra”.
A ese eixe euroasiático sino-ruso deben engadirse Irán e Paquistán, ademais de Turquía, chave por ser membro da OTAN. Teherán e Islamabad son outros “gañadores” colaterais da retirada estadounidense de Afganistán. Un caso significativo é o iraniano, agora “aliviado” polas retiradas militares estadounidenses en países fronteirizos como son Iraq e Afganistán, un escenario que aumenta a capacidade de influencia de Teherán nos asuntos internos deses países.
“A ese eixe euroasiático sino-ruso deben engadirse Irán e Paquistán, ademais de Turquía, chave por ser membro da OTAN”
O plan bushiano do Gran Oriente Medio tiña en mente cercar a Irán coa finalidade de neutralizalo e propiciar un cambio de réxime no país persa. O contexto 2021 certifica ese fracaso estadounidense, toda vez Teherán, co apoio ruso e chinés, deu mostras non só da súa resiliencia senón da súa hábil capacidade diplomática para alcanzar os seus intereses xeopolíticos.
Por outra banda, Paquistán segue a ser probablemente o actor chave dentro do complexo labirinto afgá. Islamabad sempre xugou a varias bandas cos Talibán, EE.UU e incluso con China, que ven sendo o seu principal aliado estratéxico dentro da iniciativas chinesa das Rutas da Seda. Paquistán, que apoiou a guerra de Bush en Afganistán en 2001, sabe moi ben que, internamente, ten tamén problemas con movementos islamitas integristas e que o Talibán recruta militantes nas súas madrasas ou escolas relixiosas. O seu é un delicado exercicio de realpolitik, complexo e con riscos.
Previo á ofensiva militar para recuperar o poder en Afganistán, o Talibán deu tamén curso a unha hábil diplomacia con China, Rusia, Irán, Paquistán e as repúblicas centroasiáticas, tendente a fortalecer a súa leximitidade exterior como o actor fundamental con quen negociar non só en Afganistán senón tamén na esfera centroasiática. Esa lexitimidade en principio de facto foise cada vez consolidándose case de iure ao carón das negociacións de paz para Afganistán levadas a cabo desde setembro de 2020 en Qatar, onde os Talibán tiveron papel preponderante.
Son por tanto inevitables as incógnitas e expectativas sobre o futuro de Afganistán. É este o mesmo Talibán que mantivo un represivo e cruel sistema de poder entre 1996 e 2001? Podemos falar dun “neo-Talibán”, máis pragmático pero sen esquecer as súas sinais de identidade? É posible que Afganistán volve a converterse no refuxio de movementos xihadistas e terroristas a nivel global?
Acabarase o incipiente experimento democrático en Afganistán procreado pola ineficaz Pax Americana, co foco especial no papel das mulleres?O retorno Talibán en Afganistán, implicará un revival para os movementos integristas islamitas en Asia Central, Paquistán e India, algúns deles considerados como terroristas?
Ese contexto, ata que punto complicaría igualmente os intereses xeopolíticos de Rusia e China, países que tamén acollen problemas internos (Chechenia, Cáucaso ruso, Xinjiang) con eses movementos integristas? A retirada estadounidense, abocará a Afganistán a unha nova guerra civil, como sucedeu na década de 1990 trala retirada soviética? Esa retirada de EEUU de Afganistán, implicará un reposicionamento das súas forzas militares cara outros escenarios, como o sueste asiático e Asia Oriental, sempre coa perspectiva de contención do ascenso de China?
“A sepultura da Pax Americana ocorreu nun remoto país centroasiático, historicamente cualificado como ‘o cemiterio dos imperios”
Todos son incógnitas nesta nova etapa. O único que semella medianamente clarividente é que a sepultura da Pax Americana ocorreu nun remoto país centroasiático, historicamente cualificado como “o cemiterio dos imperios”, onde ningún poder exterior puido finalmente impoñer a súa vontade.